Opinión

A causa primordial

Non soportaría a tortura, estou convencido da miña debilidade e falta de valor para aguantar indefinidamente agresións dolorosas ao meu corpo!” Así se manifestaba o mellor orador que tivo Galicia nos últimos cincuenta anos, Xesús Alonso Montero; a sinceridade do profesor feita en público aos 95 anos de idade supono posuidor dunha honestidade e dun compromiso difícil de atopar en tempos onde a mentira é moeda de cambio para acadar prestixio e riqueza. A pesares do medo a ser torturado, Alonso puxo en perigo infinitas veces a vida e, o máis importante, a estabilidade da súa familia, defendendo a democracia, a liberdade e a Galicia. Esa confesión é coincidente co meu pensamento cando era militante activo do PCG e loitabamos contra a ditadura sanguinaria do xeneral Franco, sendo conscientes de que, no caso de ser detidos, ninguén podería evitar as torturas ás que seríamos sometidos por defender a “Causa” e coido que eu acabaría confesando ata ser o autor do atentado que causou a morte ao almirante Carrero Blanco. 

Como un lóstrego que me trasladou aos anos 70 do século XX, lembrei a terrible tortura á que foi sometido o militante do Partido e traballador de Citroën en Vigo, H.Ch. (oculto o seu nome por razóns obvias). Os torturadores metéronlle un arame polo pene producíndolle fortes hemorraxias e dolorosas lesións. H.Ch., cheo de odio, colocou unha bomba no coche dun quebrafolgas, abandonou o PCG, fíxose militante do Grapo e asasinou a un policía armado (“gris” na linguaxe coloquial). Estivo na cadea máis de vinte anos. O seu espírito seguiu cheo de xenreira e morrerá desexando vingarse dos homes que o torturaron.

 O Vello Milenario sempre admirou a aqueles que sen importarlle a morte, a tortura e a inseguridade dos seus achegados, priorizaron a loita por unha causa que consideran esencial para a humanidade. Palabras cheas de significado que dan sentido á vida son “causas” polas que se loita e se morre: a liberdade, a democracia, a igualdade, a xustiza. Non outras racionalidades que ditan as emocións e os sentimentos de pertenza á tribo, ao clan, a un grupo social, relixioso, político, deportivo ou cultural. A súa pertenencia fai do individuo un ser confortado, protexido, integrado e valorado polo grupo, tendo a oportunidade de transcender á súa personalidade, aínda que esta sexa fráxil e tímida, nun arrogante “heroe” sen medo pero dependente de rituais programados polo grupo nun clima de clandestinidade: a retórica e os rituais están ao servizo da necesidade, non da verdade. Os grandes ideais transformados en imposturas intelectuais e morais sacrifican aos mellores en causas efémeras. Cantos homes e mulleres foron torturados, represaliados, encarcerados e mortos na defensa da “causa” dos oprimidos, da liberdade, da xustiza social e da igualdade e cando se atinxe son “os de sempre” os que desfrutan das liberdades.

Cantos revolucionarios que loitaron contra a ditadura de Somoza en Nicaragua son perseguidos por Daniel Ortega, defensor criminal da “causa” dos sandinistas? Miles de cidadáns de Zinbabue deron a súa vida en aras da independencia, e conseguida esta o seu líder Robert Mugabe converteuse nun sátrapa. Despois dun longo proceso democrático, Italia está gobernada por unha neofascista. A patria dos proletarios do mundo converteuse no paraíso de oligarcas imperialistas que non dubidan en invadir un país soberano. 

 O Vello Milenario chega a unha dolorosa conclusión: a “causa” primordial pola que se pode loitar ata morrer é a fraternidade. “Ámaos como eu vos amei”, causa primordial pola que foi executado Cristo.

Te puede interesar