Opinión

Torre de Vilanova dos Infantes, en Celanova

Villanueva de la Condesa, Vilanova das Infantas ou actualmente Vilanova dos Infantes denomínase unha pintoresca e agradable vila de orixe medieval situada a 24 quilómetros de Ourense, pola estrada OU-540, e tan só un quilómetro da capitalidade do Concello de Celanova. 

Emprazadas sobre un antigo castro, as casas da vila agrúpanse en torno á Torre do Homenaxe, resto da antiga fortaleza medieval ergueita no século X polo conde Gutiérrez Menéndez, pai do santo bispo Rosendo. Pertenceu dende a súa orixe ao poderoso Mosteiro de Celanova, pasando máis tarde por herdanza dos Biedna ao conde de Monterrei, figurando no seu día como: "Torre y palacios de los Condes de Monterrei". Asolada pola revolta Irmandiña, no decurso do ano 1467, reconstruíuse a mediados do século XVI, sendo considerada como unha das máis importantes e destacadas fortalezas das existentes no seu día situada no sur de Galicia. No ano 1645 reforzouse a súa estrutura como consecuencia das guerras hispano–portuguesas, por mor da proximidade da cercana fronteira co país veciño, Portugal.

Trala Desamortización de Mendizabal e ata o decurso do ano 1927, data da anexión  do Concello Vilanovés ao seu veciño de Celanova, a torre serviu como Casa do Concello de Vilanova, sendo este último, como entidade independente, quen modificou parte da súa estrutura orixinal ao engadir a escaleira de pedra de acceso á porta do recinto situada á altura do primeiro andar.

Durante os traballos realizados na última restauración a cargo da Xunta de Galicia, descubríronse no soto da torre os alicerces da primitiva e destruída obra medieval. Trala oportuna reforma utilizouse como sede do Centro Comarcal das Terras de Celanova, acollendo unha interesante exposición permanente sobre a cultura castrexa, ademais de variadas mostras da cultura popular, de forma especial o fermoso legado do pobo: os traballos de zapateiros e zoqueiros.   

A vila actualmente conserva parte da súa estrutura medieval presente tanto nas súas estreitas e empedradas rúas como nas prazas ás que se asoman interesantes casas de forte corte popular e marcado valor etnográfico, algunhas delas decoradas cos mudos símbolos heráldicos dos seus vedraños e nobres moradores.

Fontes, cabaceiros, cruceiros, petos de ánimas, igrexa parroquial de San Salvador e santuario mariano da Virxe do Cristal, ao que se suma a presenza de misteriosas covas de orixe descoñecido decoran a paisaxe desta tranquila vila pertencente no seus orixes á poderosa familia do insigne bispo, piadoso monxe e posterior abade Rosendo.
A torre emprazada no máis alto da vila, de planta case cadrada, mide 9,95 metros de largo por 9,30 de longo, toda ela construída en cadeira de pedra colocada á soga, de 1,80 de grosor, que acada unha altura aproximada de 19 metros. Posúe seteiras verticais así como diversas fiestras. Sobre unha delas conservase un pequeno brasón heráldico representado sobre un bloque rectangular contendo as armas dos Biezna, consistentes en catro pequenos motivos redondos bastante alterados. Remata a mesma nuns salientes canzorros sobre os que se asenta unha corrida varanda metálica de protección en substitución das perdidas ameas voadizas. A edificación componse de tres andares, ademais do só, tendo o seu acceso á altura do primeiro andar mediante unha escaleira de pedra. Posúe un total de cinco vanos cadrados, dúas estreitas seteiras ademais dun balcón voado sostido por canzorros.

Dende o alto da torre convertida en excelente miradoiro divísase o extenso val de Bobadela asemade do seu circuíto de montañas, namentres polo poñente o sol, no seu derradeiro adeus diario, ocúltase tralo triangular e cercano pináculo pertencente á citania de Castromao.

Te puede interesar