Opinión

Pazo de Ramirás

A presenza de pazos, casas forte ou casais na nosa terra atópase fortemente vencellada ca titularidade das grandes casas nobiliarias: Monterrei, Ribadavia Altamira, Oca, Osorio, Lemos e Castro, entre outras; pero será a partir da crise baixomedieval cando a súa presenza en Galicia perda influencia polo asentamento da nobreza galega na corte e o afastamento da súa terra o que explica a auxe da fidalguía menor ca substitúe encadrándose no que se deu en denominar como fidalguía da “sociedade dos pazos” competindo en importancia de xeito simbólico o pazo co seu alto ciprés, ca espadana da cercana igrexa parroquial.

O pazo de Ramirás, situado a 10 quilómetros de Ourense capital, a traveso da N-120, ten o seu propio acceso mediante unha curta e encostada estrada de carácter privado. Así, nun entorno bastante coidado, alzase esta nobre e vella construción, datada no século XVIII, que foi sede ata fai pouco dunha sociedade recreativa e cultural denominada ou coñecida popularmente como Club de Tenis.

Facer un relatorio de titularidade do pazo dende o seu afastado orixe construtivo ata os nosos días resultaría excesivo para a extensión do presente traballo, existindo unha ampla documentación escrita sobre o mesmo que se conserva no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, a ela remito ao interesado lector. Hoxendía, a titularidade está repartida entre todolos propietarios dos chalés existentes o redor do pazo.

No grande solar actualmente dividido en parcelas nas que se construíron numerosos chalés, ten asento o nobre edificio que, trala reforma ocasionada ca creación do clube, se eliminaron as construcións agrícolas xacentes do pazo ademais das propias vivendas destinadas ao uso dos caseiros, de igual modo co longo muro que pechaba as dependencias cercanas á torre. Actualmente a planta do edificio adopta unha forma un tanto irregular formada pola unión de varios volumes construídos con muros de cachotería concentrada, ademais de sillares de granito que conforman un piso baixo, ademais da planta principal situada no primeiro andar, todo protexido por cubertas a dúas, tres e catro augas baixo tella. 

A fachada situada ao sur constitúe un importante elemento distintivo do pazo, amosando na súa parte central un corpo adiantado que serve de base á solaina situada na parte superior que conta cunha varanda construída en sillería granítica. Na parte alta aprécianse dúas fiestras rectangulares namentres dúas portas dan acceso á solaina que dispón de cuberta propia apoiada sobre tres columnas de granito rematadas en capiteis de orde dórico con asento sobre a balaustrada de pedra. Resulta particularmente interesante, e á súa vez informativo, a presenza de dous escudos nobiliarios situados a ambos lados dunha fiestra; neles represéntanse as armas das familias Puga, Mosquera, Varela, Aguiar e Bóveda, entre outras (Protocolo J. Gómez, folio 62. A.H.P.OR.2.Y Fernández Oxea, José Ramón.: Heráldica de las riberas del Miño, pág. 333.); nembargante existen dous elementos ornamentais exteriores moi distintivos do pazo: a capela mailo restos da torre situados respectivamente nos extremos norte e este. 

A pequena edificación relixiosa adopta a forma rectangular cubríndose cun tellado a dúas augas decorándose cunha pequena espadana dun só oco. Sobre a porta de acceso sitúase unha fornela contento a figura dun anxo. A torre, moi modificada, de planta cadrada, dispón de dous andares rematada por ameas rectangulares decoradas con gárgolas.

Te puede interesar