Opinión

Pepe Rodríguez: o compromiso como legado

Anosa sociedade non sempre lle outorga a relevancia debida aos empresarios que alcanzan certo éxito.  Pero a verdade é que un negocio próspero actúa como un axente económico creador de valor que impulsa moitas outras melloras na súa contorna. Trátase dun motivo máis que sobrado para que os poderes públicos e os cidadáns en xeral recoñezan o lugar de honra que merecen os homes e mulleres que asumen esa responsabilidade, a miúdo intimidante, que é emprender e xestionar cada día. 

A historia do meu compañeiro Pepe Rodríguez resulta en grao sumo edificante neste sentido. Aínda que en poucos días fará xa un ano desde que nos deixou, a súa traxectoria e a da súa empresa son un exemplo de compromiso, superación e traballo duro, e tanto o seu carácter persoal como os seus logros profesionais cultivaron sempre a simpatía e admiración de cantos tivemos a honra de coñecelo. 

José Enrique Rodríguez López naceu en Porto  (Quintela de Canedo) en 1946 e comezou a traballar catorce anos despois “como case todo o mundo nesa época”, segundo adoitaba dicir. Lonxe de conservar un recordo amargo daquel primeiro traballo e aquel primeiro xefe, Pepe referíase a eles cunha mestura de nostalxia e respecto. Sen eses dous anos de aprendizaxe, o seu concepto da empresa e do traballo duro non serían os mesmos. 

A actual Rodríguez López Auto tampouco  sería a mesma. Era unha época distinta, sen as facilidades do mundo actual pero chea de oportunidades para quen fose capaz de aproveitalas, e el soubo facelo. 

O noso amigo montou o seu propio negocio antes dos 25, e tivo a visión, o acerto e o mérito de converter un pequeno taller de carrocería nunha empresa líder no seu sector, que na actualidade emprega a 200 persoas. Na década dos 90, o seu equipo especializaríase en transformar vehículos para transporte sanitario e, en menos de quince anos, conquistaría por completo o mercado nacional.

Aos que formamos parte desta asociación nos enorgullece dicir que o Polígono San Cibrao está cheo de pequenas e grandes historias de éxito. A de Pepe Rodríguez é unha delas. Unha historia de compromiso co mundo empresarial, cos traballadores e coa economía ourensán, que lle valeu recoñecementos tanto no seu propio ámbito como en diversos medios de comunicación. 

Hoxe, o recoñecemento chega tamén por parte da Xunta de Galicia, ao anunciar Rodríguez López Auto que o galego pasa a ser a lingua de uso diario en todas as comunicacións de empresa. É un exemplo máis do mellor legado de Pepe Rodríguez, que son os seus fillos, a súa capacidade para seguir facendo grande a empresa que el creou e o seu inquebrantable compromiso con esta terra, coa súa prosperidade e agora, tamén, co idioma que nos une a todos os galegos e que é motivo de orgullo colectivo.

Alégranos por todo iso saber que o legado de Pepe está en boas mans. Un legado que, como dicía, inclúe a súa capacidade de compromiso, os seus valores de entrega e traballo duro, pero tamén a súa inquietude por lograr a unidade entre empresarios e asociacións para alcanzar obxectivos comúns, sempre en favor da prosperidade desta terra. 

Fan falla máis Pepe Rodríguez na nosa sociedade, persoas comprometidas co afán e a vontade de facer as cousas sempre mellor. 

Te puede interesar