Opinión

CICLOS VITAIS

Nesta semana comezan de novo as aulas do presente curso e rematan os días de lecer para miles de nenas e nenos galegos que, a pesar de todo, non perden a ilusión ao ver de novo aos seus compañeiros de sempre, na escola que tantas lembranzas lles trae. Un retorno á rutina do día a día baixo a incertidume de se o modelo educativo está caducado (estimando as diagnoses europeas), ou se polo contrario a historia volve a posicionarse no seu estado cíclico dos tempos pasados, en espera dun pacto educativo que non ten moitas trazas de aparecer. De todos é coñecida a facilidade con que cada governo, conscente de que a ideoloxía se cerne desde moi cedo coa educación e a través da educación, non permite ao rival político ceder un chisco de terreo nesta materia tan sensible. E así seguimos e seguiremos co voluntariado dos docentes, que con semellante 'materia prima' (permítanme o simil), non son capaces de mirar para outro lado e simplemente facer? o que poidan. Conscentes de que as futuras xeracións fórmanse, non só intelectualmente senon integralmente nos centros educativos, o profesorado está a sofrir máis que nunca o abandono dunha administración presidida polo Sr. Feijoo, que coa excusa de que non ten diñeiro para o ensino público, fai recortes despropocionados aos que máis precisan axuda. Un caso é os profesores de Audición e Linguaxe, ou Pedagoxía Terpéutica (antes chamada Educación Especial). É interesante o discurso de desfacerse en agradecementos gratuitos aos docentes, mentres a rede privada de centros ten incrementados os concertos e as subvencións. Pero como este tema non ten unha solución a curto prazo, quero pensar con tristeza en cousas que, de inmediato, estánse perdendo. Cousas simples que, sen grandes aspiracións, facían as delicias do regreso ás aulas dos máis pequenos. Os libros novos, que agora son prestados ou de segunda mao, xa que a gratuidade finou. O estuche e a mochila cos persoaxes favoritos do momento, que co incremento dos impostos hai que aproveitar os vellos. Os recursos e a innovación das novas tecnoloxías que a día de hoxe xa están en entredito..., e un longo etcétera que nos agarda en copago de comedores e transporte. Por iso penso con tristura que das experiencias do neno labrego de Neira Vilas, nas que miles de nenos se viron reflectidos dalgún xeito, só nos queda o cheiro da goma de borrar.


Nesta liña, non podo esquecer a todo ese profesorado interino que agora está en paro. É de xustiza precisar que moitos deles son profesores que ante as convocatorias do concurso oposición en anos anteriores, non tiñan puntuación dabondo para obter unha praza en propiedade. Algúns deles até obtiveron puntuacións de sobresainte, pero non había hipótese de superar aos que xa levaban traballando anos atrás. Sen entrar no debate da ecuanimidade do proceso, sempre complexo ( noutra hora podemos falalo), merecen todo o meu apoio polo seu esforzo, aínda que neste intre pareza infructuoso. Existe a posibilidade de que comecen a ser un grupo en extinción, pasando a englobarse dentro dos contratados por horas (segundo a necesidade do momento), como xa acontece na Sanidade. Con todo, espero que ninguén dubide de que seguen a ser unha peza clave no ensino cando están dispostos a traballar sen prexuizo da distancia da zona educativa que lles asignen ou a provincia para a que os chamen.


E por último, un desexo para este curso. Desexo que a convivencia nos centros siga sendo tan exemplar como até agora. Que os recortes non nos afecten nesta área fundamental nas nosas comunidades educativas, e que os nenos e as nenas reflictan coa fidelidade que sempre fan a súa realidade persoal e familiar máis positiva, como aporte ao inmenso privilexio que é formar parte activa dunha sociedade que queremos que siga a funcionar baixo uns parámetros democráticos e de liberdade.

Te puede interesar