Opinión

O CONCERTO DO ANO NOVO EN OURENSE

No incomparabel entorno do Liceo de Ourense vense de celebrar o tradicional concerto do ano novo, ofrecido o día 15 pola Banda Municipal do Concello de Ourense. Presentado como é habitual por Juan Fonseca, directivo da asociación cultural e recreativa do Liceo, cunhas palabras expontáneas de bos desexos para todos, comezou un tempo de compartir música e aplausos, este ano, cun repertorio variado e atrevido. Desde a primeira obra o programa non deixa de sorprender. Trátese de Rossini coa overtura do Barbeiro de Sevilla, de difícil execución, que nalgunhas partes fáiselles algo grande á banda, sobre todo nas entradas do metal. Penso que cun par de ensaios máis poderán resolver moi pronto estos pequenos problemas. De seguido un vals vienés, sempre obrigado nos repertorios do novo ano, neste caso de Iruretagoyena, e maxistralmente dirixido polo director ao obrigar á familia de madeira a matizar con agarimo e precisión cada frase da obra.


Chegados ao ecuador da primeira parte comezan as primeiras notas de 'Amapola', de J. M. Lacalle, e aquí non podo deixar de ollar as facianas da maioría dos maiores que enchen a sala. Os seus sorrisos e miradas cómplices falan de por sí, e reflicten nas facianas as lembramzas dos tempos de novos, que xa pasaron, e que de cando en vez asoman a cabeza en forma deses sons de sempre. Leo os beizos dalgúns que dín: 'que bonita' e penso que case todos cantan a letra no seu interior. Logo sinto que a emoción enche o meu corazón, cando ao remate, os aplausos son máis numerosos e dilatados no tempo que nas pezas anteriores; un momento máxico que lembra que o pasar dos anos poden ser tanto ou máis fermosos ca mapoula.


Sen pausas nen descansos chegamos á segunda parte que comeza de xeito simétrico á primeira, cunha pasaxe dunha ópera clásica como é 'Carmen' de Bizet. Neste caso podo afirmar con satisfacción que a banda borda as pasaxes con resolución e determinación. A fantasía está composta por varios episodios da desgraciada vida da cigarreira, e ningún é fácil de asumir no momento de repentizalo. Ademáis todas as melodías son moi coñecidas e calquer desatino sería perceptibel polo máis profano na materia. Unha aposta interesante que ten a continuidade con Sinatra. Porque, nunca está de máis que Frankie faga unha inxerencia en calquer selección musical. Incluso parece comezar o ano 'ao noso xeito' sen distorsionar o conxunto global do concerto. Así, rachando moldes, o director da banda ofrece unha selección do mítico Sinatra con arranxos de Jerry Nowak, que non deixa a ninguén impasibel.


No final é tradición a marcha Radetzky de J. Strauss (pai), coa participación do público, nun ambiente de festa, entre amigos, socios e liceistas, que cada ano gozan dun intre musical, lonxe desas preocupacións que chegaran paseniño, ao longo de todo o ano. Un presente moi fermoso da Banda Municipal de Ourense para todos os que amamos a música de verdade.

Te puede interesar