Opinión

O DESCRÉDITO DAS CRENZAS

Non hai dúbida que a maioría das xentes prefiren deixar estacionado este tema nun recuncho do seu interior. A trascendencia de cadaquen está certamente condicionada pola crenza, nesta ou noutra doutrina herdada. Lembro as palabras de Serrat cando afirmaba nunha cantiga fabulosa (baixo o simil 'locos bajitos'), que os nenos cargaban cos nosos deuses, sen pedilo nen querelo; por iso quero entender aos máis maiores que me contan que siguen crendo o que de sempre lles ensinaron, fose como fose.


Cando as dificuldades se acrecentan, agroman as crenzas. Din que o lugar onde máis conversos existen é no corredor da morte, nos EE.UU.; pero sen chegar a eses límites, observo que os povos que máis sufriron na historia son os máis relixiosos. Por poñer un claro exemplo temos a Polonia, onde o catolicismo ten moitos xóvenes seguidores, e as igrexas están cheas nos oficios diarios. Por outra parte, a proliferación masiva dos grupos protestantes en América segue a ser imparable, así como os seguidores do Islam nos seus países. Pero a cuestión está presente cando nas crises económicas o ser humano busca algo alternativo á triste realidade diaria, e despois de retomar a crenza do pasado, cae na frustración.


Non deixa de sorprender que para alentar aos seus seguidores, o invento das relixións fose tomando forma ao longo dos tempos. As necesidades espirituais siguen sendo as mesmas que no pasado, e as mensaxes sempre xiran en torno á bondade e ás boas obras, co obxectivo de topar a felicidade. Algo tan utópico como narcisista, que Marx acuñou coa sentenza opiácea coñecida. E non lle faltaba razón. Persoalmente penso que Deus é moito máis que unha ou outra crenza. No texto bíblico topamos as palabras de Xesús, nas que afirma aos dicípulos máis próximos a él, os apóstoles, que escudriñen as Escrituras porque a eles lles parece que nelas teñen vida eterna?, mais dan testemuña del mesmo. Neste sentido a opción de non xudaízar, esto é, deixar a tradición xudea dos fariseos, escribas e saduceos, era mudada por un achegamento a figura do mesmo Xesús como Fillo de Deus, non deixaba de ser un acto reformador e revolucionario.


Noutras palabras, non existe relixión que salve, dicía Xesús; a mellor proba delo é que ningunha satisface, e esas crenzas xa están desacreditadas por unha inmensa maioría. Unha maioría que loita demasiadas veces contra o ateísmo ou agnosticismo, ou pretende formar a súa propia relixión sincrética que lle permita non darlle á cabeza demasiado tempo seguido. Todo elo leva sen rumbo cara unha eternidade incerta. Poren, a mensaxe de Xesús non caduca, e a doutrina do amor de Deus, que ama denunciando o pecado, enche as vidas máis perdidas, transformando os corazóns. Sempre é un bo intre para comezar a buscar a Deus lendo a Biblia, a palabra de Deus, aínda que nestes tempos a algúns lles chegue con seguir calquera relixión na que crer.

Te puede interesar