Opinión

O Entroido
 profundo

Hai poucos días celebrouse en Allariz unha desas conferencias , propias da época do ano, que tratou sobre as máscaras. Baixo o título “Rituais de inverno com máscaras” o escritor Antonio Tiza falou de cousas curiosas relacionadas co Entroido. Así, entre amigos, e motivado pola temática puiden coñecer como no país veciño as festas das máscaras comezaban no tempo do noso Nadal. Este feito fixo que lembrara o disparate de situar no calendario actual, o nacemento de Jesús no mes de decembro. O conferenciante coincidía despois, na tertulia, en que a celebración do solsticio a través do Entroido era unha proba máis que estaba a reflectir costumes paganas daqueles que nos precederon. Poren pode ser que estas costumes fosen “cristianizadas” con moito oportunismo, identificando o deus Sol, co nacemento da Luz do Mundo. Quen sabe?

As máscaras están presentes en todas as culturas. Transforman por un intre ás persoas que as levan. E mesmo sen máscaras, ao longo do tempo, imos mudando a máscara coa que nacemos. Pois co tempo e nos tempos loitamos coas circunstancias mudando as nosas máscaras. Por iso, esta festa pagana conservouse a través dos séculos, como manifestación espontánea da persoa, no seu estado puro. Pero non sempre a pureza é garantía dalgo positivo. A natureza humana ten que ser moldeada a través de múltiples aprendizaxes. Os valores das persoas non emanan da súa propia natureza, senón da introspección daquelo que adquiriron ao longo da vida. Cada vez se escoita da aprendizaxe ao longo de toda a vida, e non porque o coñecemento sexa inmenso, que o é, senón porque os conflictos persoales e a convivencia entre os pobos segue a ser unha asignatura pendente. Decíamos que os valores non teñen herdanza, daquela, da abundancia do corazón fala a nosa lingua, pronuncian verbas os nosos beizos e diserta premisas a nosa boca.

Admiro a profundidade do Entroido tradicional. Observo con perplexidade que canto máis nos adentramos na Galiza profunda (sempre no sentido positivo), a pureza da tradición sigue a ser incólume. Este ano botarei unha ollada aos de Vilariño de Conso e os seus boteiros. Acompañados do fulión composto por bombos, tambores e ferramentas de ferro, os boteiros son un exemplo de elegancia e respeito aos visitantes. A vivencia do Entroido chega á improvisación baixo un ritmo propio de cada pobo. Son días para botar fora todo aquelo que non pode ficar no interior. Porque manca. Logo para retomar forzas, un xantar propio baseado en cabrito. Todo un luxo para os galegos. E nestes días que algúns din de “carnalidade”, son os máis auténticos para coñecer a condición humana. Pois por moito que busco, non topo máis que carnalidade na Cuaresma. E iso sí que debera ser un tema a tratar noutra hora. Quizáis sexa por iso que aínda que enterren ano tras ano a sardiña, non deixa de resucitar para celebrar de novo o Entroido profundo ou tradicional.

Dedicado a todos os Boteiros de Vilariño de Conso.

Te puede interesar