Opinión

A hipocresía dos modelos educativos

Xa pasaron máis de vinte anos. Celebrábanse unhas xornadas técnicas de temática educativa en Expourense, nas que se falaba da necesidade de acadar un pacto pola educación e se analizaban os modelos educativos anteriores á Logse. Lembro que algúns ponentes destacaban máis polo seu curriculo inflado que polo seu facer pedagóxico, pero nunha das preguntas formuladas, unha profesora universitaria afirmou con rotundidade que fose cal fose o modelo, os profesores ían ser os mesmos, (polo menos durante algunhas décadas). Aquelo abriu na miña mente unha variabel que non tiña comtemplado até ese instante. Tiña, por tanto, que buscar se era certo que os modelos educativos eran adaptados segundo a vivencia de cada docente. E pasado o tempo, puiden ver que era así. Non sempre se cumplía a premisa de que “cada docente tenta reproducir o modelo no que foi formado”, paradóxicamente acontecía todo o contrario nalgúns casos, pero nun tanto por cento moi alto, cadaquén adaptaba da mellor forma o modelo educativo en vigor, ao vivido en tempos pasados.

Na actualidade, educar é cada vez máis complexo. Os valores que tanto apreciamos como: a fidelidade, a coherencia, a amizade ou a honestidade, caen en tela de xuicio cando aparacen papeis como os de Panama ou casos de exministros e exbanqueiros supostamente expertos no lavado de diñeiro. Se lle ensinamos aos alumnos a ser honestos, poderán sobrevivir nunha sociedade tan complexa?. Sería máis práctico, como afirman algúns cos seus feitos, mandarlle aos demáis que paguen impostos e procurar que non os collan coas mans na masa?. A resposta está en que calidade de sociedade queremos vivir. Se nos modelos educativos topamos contidos excesivos, que non atenden á madurez do neno, tamén toparemos obxectivos imposibles que nunca axudarán a erradicar a picaresca descrita por Cervantes no Quijote, ou por Quevedo no Buscón.

Estou seguro que moitos dos amables lectores destas páxinas poderán alegar que estou a mixturar modelos con feitos o formas educativas. Se así fose, debo aceptar a emenda que me fagan, poren, sendo consciente delo, a miña pregunta está en como disociar a labor docente do modelo imposto pola Lei Orgánica de turno? Ben sabemos que a liberdade de cátedra nada ten que ver con saltarse a lei e ensinar o que che pete, senón en gozar da liberdade para usar todos os recursos dos que cadaquén é capaz de articular para canalizar, ante todo, actitudes, valores, normas e emocións. Porque aquí, que todo chega tarde, levamos un retraso importante na educación emocional, que inclúe o dominio propio, a templanza e mesmo a providade. Nestes termos, os modelos educativos poderían chegar a ser unha canle fundamental para a mellora global do feito social. A potencialidade existente en cada ser humano é tan grande como ínfima segundo sexa o proceso de asimilación. Se transmitimos ideas destructoras, o que imos obter é terrorismo e destrución. Se nos ocupamos en educar no amor e no respeito, os problemas sociais tomarán un rumbo distinto ao que coñecemos.

Os modelos educativos abandonarían a hipocresía se fosen elaborados por profesionais con vocación. Son consciente que esa medida non está definida como patrón, do que poidamos obter un múltiplo e por tanto cuantificala, mais se non a consideramos como unha magnitude e a puidéramos concibir como un ente abstracto que se reflicte no docente (na súa praxis diaria), afastaríamos a educación dos intereses económicos que están a afogala. Hoxe son os criterios da OCDE os que nos dirixen, para que a través das competencias clave (antes competencias básicas), formemos aos nosos alumnos. Esquecen que ademáis de saber facer, hai que saber pensar. Quizáis iso non sexa tanto do seu interés. Pensar, sempre supuxo un perigo en potencia.

Te puede interesar