Opinión

A ILUSIÓN DO NADAL

Cando chegan as datas do Nadal todo semella mudar a mellor. As rúas de todas as cidades tórnanse en música, luces e cor. As familias esquecen as teimas e xúntanse para celebrar... non se sabe ben o que, porque cada vez máis se esquece a razón de ser desta festa de festas no entorno do cristianismo. Con todo, cada Nadal é diferente porque botamos en falta aos que xa se foron, que son moitos..., e cada vez serán máis; e dentro deses cambios traumáticos tamén están os que sofren as consecuencias da cobiza doutros, dos que máis teñen e que son os mesmos que provocaron a crise actual. Por iso o consumismo característico do Nadal recondúcese a outros modelos que xa estaban esquecidos.


Non creo que as circunstancias adversas nos acheguen ao Nadal auténtico, pero estou seguro que mentres siga habendo a ilusión que os nenos e nenas teñen polos regalos, os doces e o entorno familiar, o éxito da festa estará asegurado. E para a inmensa maioría, con iso chega dabondo, aínda que pouco fique no interior dos corazóns. Porque a autenticidade do Nadal está contaminada polas mesmas datas en si mesmo.


Non parece probabel que Xesús de Nazaret nacera no mes de decembro, nin que os Magos de Oriente fosen tres, e encima tiveran os nomes de Melchor, etc; pero dentro desas conclusións procedentes da tradición hai un feito histórico que ninguén discute: Xesús naceu na Efrata Belén. Despois dese coñecemento ven a fe. A fe ven polo ouvir, e ouvir a Palabra de Deus. Polo texto bíblico sabemos que as profecías cumplíronse naquel neno de Belén que ao pouco tempo foi emigrante a Exipto. Naceu cun propósito, cunha misión ben definida, para encher as vidas de augas vivas. Para elo puxo a súa tenda de campaña, viviu entre nós, deu a vida por nós e recolleu o seu tabernáculo ao rematar todo.


As ilusións florecen no Nadal con demasiadas cousas materiais que enchen os nosos desexos persoais, pero só unha cousa é necesaria e ao mesmo tempo descoidada: que Xesús naza persoalmente nas vidas e more nos corazóns. Deste xeito, cada día do ano poderemos celebrar o auténtico Nadal coa maior das ilusións.

Te puede interesar