Opinión

LEMBRANDO A MANUEL LUIS ACUÑA

O mestre de Trives nace no penúltimo ano do século XIX, un día 3 de outubro. Hai aproximadamente 113 anos. Fillo e neto de mestres, quixo seguir o camiño dos seus e estuda Maxisterio por libre en 1920, vivindo xa daquela nas terras de Allariz, onde o seu pai Hemenegildo fora trasladado de escola. Despois de moitas colaboracións en xornais e revistas por todo Galiza, en 1928 gaña a oposición de mestre. Todo segue o seu curso vital e afiánzase na súa ideoloxía no Partido Galeguista. Este feito traeríalle consecuencias tremendas e sería separado do magisterio o 25 de marzo de 1941. Por fortuna non foi paseado como tantos outros, pero sí inxustamente esquecido por moito tempo. Con todo moitos pasaron pola famosa Academia Boveda e até os fillos dos que o represaliaron recibiron o mellor dos magisterios da súa man. El era o director.


Era de xustiza que a súa terra tomara boa nota do seu labor e grazas a un MRP 'Nova Escola Galega', no ano 2008 comezou un congreso que leva o seu nome, e que leva unha continuidade que cada ano gaña en calidade e actividades culturais complementarias. Este ano será o quinto congreso os días 26 e 27 deste mes en Trives. Coa colaboración da Facultade de Educación da Universidade de Vigo e do Concello de Trives o programa está cheo de incentivos para futuros mestres e docentes. Chama a atención o comité científico que xunta sensibilidades diversas baixo un punto de encontro fundamental: a lingua galega e a figura de Manuel Luis Acuña. Entre elas destaco a Isaac A. Estravis, Xosé M. Cid, Xulio Prada, sen esquecer a Luis Martinez-Risco en representación da Fundación Risco que tamén colabora.


Pero hai algo que todos deberan experimentar ao ler a poesía do mestre Acuña. Algo inexplicabel. Poetas actuais fálanme da boa sorpresa que supuxo a reedición de 'Fírgoas', o seu libro de poemas, pola iniciativa de José Luis López Cid e Manuel Prego, e que foi impreso na imprenta de La Región. Unha poesía cargada de significado e de experiencias da súa vida, ben gabada por autores de prestixio en diversas épocas e sempre en ambientes culturais. Porque Manuel Luis Acuña era poeta. Eu quédome cun poema titulado: 'Eu era un parviño', no que conta, tantas cousas?, e no que ao final fica cunha estrela no seu peito, para rematar cun recurso certamente rosaliano?, cun cantar. Por iso as miñas felicitacións aos organizadores e aos investigadores como Ramón Nicolás Rodríguez, de quen tomei moitos datos para elaborar este artigo. A día de hoxe, estas iniciativas serán bandeira visible de defensa da nosa lingua, ademáis de lembrar aos mestres represaliados pola sinrazón da intolerancia da represión dos tempos pasados. Que non volvan! Porque hoxe teñen outro nome e veñen pisando forte e vendendo fume; destruíndo o noso patrimonio cultural, lingüistico e social. So hai que abrir os ollos e mirarlos arredor, como agardan con paciencia que o meio rural agonice coa lentitude precisa, onde a lingua sempre sobreviviu aos máis feros invasores. Teñan conta. Nada máis.

Te puede interesar