Opinión

Lembranzas en Parada de Sil

De moitos os que queren visitar a Ribeira Sacra é coñecida a ruta dos mosteiros: Santo Estevo, Santa Cristina e San Pedro de Rocas. En case todas as guías que poidamos atopar, fálasenos con precisión das datas nas que diversas ordes relixiosas,(benedictinos, cistercenses...) deixaron a súa pegada no noso país coas construcións que datan do s VI, cheas de mixturas artísticas ao longo dos tempos. As paisaxes das ubicacións destes mosteiros son moi fermosas. Entrando por Vilariño Frío e chegando a Parada de Sil topámonos con novas iniciativas deste fermoso Concello. As visitas ao Museo do Chocolate, ou á fábrica da luz, son moi recomendaveis polas historias personais que agachan. Ademáis da visita ao mosteiro de Santa Cristina, compre facer unha parada no camping de Castro, para disfrutar do mirador no que ollar os impresionantes meandros do Sil. E a mañá xa está encarrilada para xantar en Parada. Todos os sitios son bos e xenerosos, pero nesta ocasión elixo "O Curtiñeiro", polo que teño a previsión de reservar mesa desde o día anterior.

Pola tarde seguimos de ruta cos amigos madrileños cara o Mosterio de Santo Estevo. Moitas lembranzas que compartimos seguen vivas nos corazóns. Desde as primeiras visitas no Seat 850, cando nos anos 80 o mosteiro seguía en ruínas, até ben entrados os 90 de cea con Suso Vaamonde nunha desas excursións culturais das desaparecidas Jornadas do Ensino en Ourense. Tempos de paz, empachados e astiados coa esquizofrenia de Tagore, pero cheos de ilusións musicais e de proxectos educativos. Tempos dos concertos de folk e de pasar noites inolvidaveis baixo un cobertor de estrelas, sen atisbo de contaminación lumínica. Tempos que sempre agachan un sonriso, unha amizade, un amor.

Deixamos Santo Estevo e teño pena de non poder parar en Pombar. Pobo pequeno pero con moito interés na súa igrexa. Así o demostraron o Xocas e Santos Junior nos seus escritos. Con todo, á saída do pobo, a poucos metros hai un desvío a Paradela. Xusto na entrada imos a pé pola ruta ao antigo castelo de Litoria, no que hai unha inscripción de Leovigildo. As vistas de Santo Estevo son espectaculares e dignas de ver. Así, case no solpor, seguimos a Luíntra e a San Pedro de Rocas, no que lembramos as tomas do film do Dr Alveiros (o conto de Vicente Risco), con Luis Baños de director e Luis Risco de guionista. Para facer a banda sonora tiven que vivir eses lugares dun xeito especial, rodeados de amigos de tanto peso específico que temo deixar algún sen citar, pero que quero ubicar no segundo andar na Fundación Risco en Allariz, onde sentados á mesa discutíamos e debullábamos o guión. San Pedro de Rocas e Santa Cristina son dúas xoias que cada un ten que vivir dun xeito diferente.

Sempre que escrebo do Cañón do Sil penso na ruta que comeza nos Peares (demasiados anos leva cortada a estrada polas obras do embalse de San Pedro), e rematamos a viaxe en Parada de Sil, falando de Paco Magide. Agora, que deixou oportunidade a que unha muller sexa a primeira alcaldesa, continúa como segundo teniente alcalde cun proxecto de futuro para o seu pobo. Toda unha vida dedicada á defensa dos dereitos dos traballadores, lembroo no seu despacho no sindicato de CCOO con Xan Carballo e como compañeiro no Consello Escolar de Galicia en Santiago. Sempre rodeados de veciños, amigos e bo anfitrión de calquera dos numerosos turistas do Concello, Paco é un referente na Galiza do que se pode facer se se quere. Non teñan dúbida de que aparecerán aqueles que queiran desfacer e destruir o ben feito. A envexa non para de traballar. Pero como decía Zeca Afonso, "o povo é que máis ordena".

Te puede interesar