Opinión

MANUEL QUIROGA: O MAGO DO VIOLÍN

Pemítanme vostedes, antes de escreber o meu primeiro artigo deste ano 2012 que comeza, encher os pulmóns de fresco ar para poder mergullarme na figura do violinista pontevedrés Manuel Quiroga. Resulta complexo falar en profundidade sen visualizalo con serenidade no seu conxunto. Do mesmo xeito, ao ver, escoitar e achegarse á exposición da Deputación de Pontevedra sobre a súa vida, surxen tantas emocións simultáneas, que caro costa asimilalas en varios días. Por iso, quero comezar polo principio, sen lembrar as bágoas que chegarán ao final; quero do mesmo modo, gozar dos éxitos de 'Manolito', facer un seguimento dos seus premios, obras e composicións, e deixar para o final o máis ruín dos males: o esquecemento, sabendo que entre todos aínda podemos resucitar as súas obras, como ollando ao Lázaro vivo.


Manuel Quiroga naceu na cidade do Lérez en 1892, nun ambiente cultural de excepción. A súa vocación musical comezou aos 7 anos tocando a bandurria, pero pouco durou a experiencia e muda o instrumento polo violín. Como neno precoz obtén unha beca para estudar en Madrid con José del Hierro, o que lle permite avanzar de xeito espectacular. O día 4 de xullo de 1911 contaba con 19 anos cando obtén o primeiro premio de violín do conservatorio de París. Alí coñece a Marta Leman, que sería a súa esposa en 1915. Neste período permanece en Europa destacando como intérprete en múltiples actuacións con músicos de prestixio, como por exemplo: Enrique Granados. Pero nesta altura, por motivo da primeira guerra mundial, viaxa a Estados Unidos, até 1917, onde ten tanto éxito que chéganse a vender todo tipo de obxectos co seu nome impreso. Ademáis dará concertos noutros paises como Arxentina e Uruguay. De volta a París, a carreira musical parece imparábel e os recoñecementos dos seus paisanos fanse visibles. A homenaxe da Asociación da Prensa da Coruña, ou a da cidade de Santiago de Compostela en 1919, no que destaca un busto do violinista feito por Asorey. E faltan palabras para relatar dos retratos de Manuel Quiroga feitos por Castelao, ou as poesías que lle dedicaron Valle Inclán e Fernández Mato, sin contar as referencias periodísticas en xornais e revistas como A Nosa Terra, Céltiga, Novedades, Música, Diario de Pontevedra, Diario de Galicia, La Región (con debuxo de Xosé Conde Corbal) ou as dedicatorias de máis de 50 músicos contemporáneos, e entre eles destaco ao ourensano Antonio Fernández Bordas, que ocupou a cátedra de virtuoso do violín no Conservatorio de Madrid e no que ademáis foi director.


A fama internacional de Quiroga Palacios levouno até o máis alto no mundo da interpretación como violinista, e a ser admitido no Carnegie Hall de Estados Unidos, e en Francia foi condecorado coa Cruz de Cabaleiro do Honor da Lexión (1931). En 1948 concédeselle a Cruz de Encomenda de Alfonso X o Sabio, recoñecemento que chega tarde pois o 8 de xullo de 1937 sufriu un accidente en EEUU (foi atropelado por un coche que se da á fuga) e as consecuencias son traumáticas. Unha parálise nun brazo fai que non poida seguir a súa carreira maxistral e a partir deste feito dedicarase á composición musical e ao debuxo (caricaturas).


Despois desa fatídica data, os problemas económicos asfixian o ritmo de vida do pasado. Grazas a algunhas axudas de institucións públicas logra aliviarse de cando en vez. Finalmente, a enfermidade avanza e os tratamentos son moi costosos, polo que se traslada a Pontevedra onde falece en 1961 sumido nun esquecemento que pesará como unha lousa na nosa contra, ao ser poucos os que traballasen as súas obras, salvo Antonio Iglesias (musicólogo ourensano) e Joam Trilho.


Vale a pena viaxar á fermosa cidade de Pontevedra para disfrutar de tantas lembranzas de Manuel Quiroga!, pero aínda vale máis sentir a vida deste virtuoso nun intre, percorrendo cada etapa como nosa; deste xeito sempre estará presente cos seus debuxos, composicións e sobre todo coa súa interpretación.

Te puede interesar