Opinión

A mellor colección do San Martiño

Nesta edición da exposición de filatelia do San Martiño no salón Cultural do Liceo de Ourense, houbo curiosidades notables, que me obrigan a ocupar tempo, e este espazo de opinión no noso xornal. Pois nos 50 anos de existencia da Sociedade Filatélica Miño, o Liceo sempre tivo especial interés nas súas actividades de coleccionismo, por tanto quixo acollelos na súa casa, cedendo os seus locais para reunións, exposicións e arquivo da Sociedade. Este ano foi o elexido pola asamblea de socios para concederlles a Medalla de Ouro a todos os liceistas, pero ademáis os filatélicos e numismáticos fixeron un esforzo especial para ofrecerlles aos visitantes unha serie de coleccións coas que incrementaron notablemente a calidade das obras expostas. 

Tratar cada unha por separado resultaría tedioso e aburrido, pero debo destacar as coleccións de Pilar Gallego e Joaquín Silva, que trataron temas tan diversos como “Angeles a volar” e “Tin Can Mail”, respectivamente. A curiosidade destes temas combina por un lado a iconografía de diversas culturas, e por outro a especialidade de enviar cartas en latas de galletas, que tiraban ao mar, e que un carteiro ía a buscalas nadando.

Polo percorrido dos diversos paneis, teño que facer unha parada na mellor colección de este ano, titulada “Ourense”. Ademais da nosa cidade, fálanos de distintas partes da provincia do mesmo nome. As pezas son de moito interés, sobre todo as de prefilatelia (anteriores a 1850 en España), e algunhas posúen un “plus”, dado o seu valor sentimental. A peza á que nos referimos é unha carta circulada enviada ao avó do autor, cun selo prohibido nos tempos da II República, no que aparecía a faciana do Borbón Alfonso XIII. Está datada en 1935, Por outra parte, o filatelista síntese especialmente gabado de incluir un selo da antigua Unión Soviética, coa imaxe dun cadro de Antonio Puga no que aparece un afiador, exposto no Hermitage. Este cadro visitou Ourense na inauguración da Sala de Exposicións da desparecida Caixanova, sita na Praza Maior da cidade. 

Pois ben, o propietario da colección é Tomás de Novoa, que exerceu de secretario da Sociedade Filatélica Miño durante uns 10 años, e que coa axuda do actual presidente, José Barros, recuperou a economía desta pequena sociedade, poñendo en valor todo o seu potencial. Tomás de Novoa é ademáis monitor nacional de filatelia e xa forma parte da Comisión Organizadora da próxima Exposición Xuvenil, denominada Juvenia 2015, a celebrar o vindeiro ano, sendo el unha peza fundamental e clave para o éxito do evento. El pensa que non ten cualidades para ser o próximo presidente da Asociación, pero cada vez son máis os que apoian a súa simpatía e a súa experiencia no arte do coleccionismo. Por todo elo, vaian os meus parabéns.

Te puede interesar