Opinión

Mergullándome con Adela

Creo que moitos dos meus amigos nunca chegarán a entender o arte abstracto. Non os culpo. Cadaquén está no seu dereito de decidir se un estilo é ou non do seu gusto. E aínda que penso que ese gusto tamén é un elemento a educar, iso non significa que todo o que non nos agrada é porque non estamos ben educados para elo. Lembro, hai moitos anos, que algúns músicos discutían sobre a veracidade da música contemporánea, afirmando que era un proceso que comezaba no coñecemento dos xéneros clásicos coma o Barroco, Clasicismo ou Romanticismo, para rematar en Alan Berg ou Halffter. Así, coñecido ben o proceso creador ao longo da historia, aseguraban o gusto pola música contemporánea. Non lles vou negar que cheguei a intentar que ese proceso prendera en min, pero seguín cos mesmos gustos de antes.

O arte é moito máis que técnica e razón. Chego a admirar a capacidade dalgúns polo hiperrealismo, como no caso da nosa Olga Reinosa, pero se a arte rematara aí, esgotaríamos o tempo para a imaxinación e os sentimentos. A transformación dun mundo do que ás veces nos queremos baixar sigue nas mans da arte. Por iso a técnica pode chegar a limitar ao artista, e para loitar contra iso está a creatividade, o talento e a sensibilidade. Ese é o caso de Adela Rodríguez, autodidacta na súa formación artística, que con esforzo e dedicación foi evolucionando moi ben na súa técnica; segundo as palabras de Evelio Acebedo, director xerente do Museo Thyssen Bornemisza.

Coñecín a Adela en Allariz nunha exposición celebrada na Fundación Vicente Risco. Fiquei impresionado da forza da súa personalidade e espontaneidade, e cando nos dixo que era artista quixemos coñecer a súa obra. "Mergullándome" é toda unha experiencia de sentimentos e un torrente de creatividade. Os materiais sobre os que pinta -lenzo, cartón, madeiras rescatadas da mar (crebas)- contannos a través das composicións cromáticas algo do seu interior que non pode ficar dentro. Pero o máis interesante é que non deixa de suxerir unha e outra vez emocións que se renovan e retroalimentan en cada segundo, cada instante, cada ollada, cada trazada no material elixido. Por se fose pouco, tamén se expresa en útiles locucións que acompañan a súa obra: "Sumergirse en el mar o sumergirme en mí misma es volver a donde vengo, al agua". Na inauguración explicábanos que o factor esencial non era o mar, senón a auga: "El agua es acogedora... el lienzo también lo es".

Mergullándome con Adela na súa creación, nun contexto especial coma o primeiro andar do Liceo de Ourense, entre moitos coñecidos que buscan atopar algo nos seus cadros e chegan a verse reflectidos na radiografía da súa alma, reencóntrome con moitos artistas que comparten e falan do sentir dos seus corazóns. Unha experiencia recomendable para todos os amantes do abstracto.

Te puede interesar