Opinión

A MOCHILA VIAXEIRA

De súpeto, aparece e desaparece cargada de ilusións e propostas didácticas para todas as familias que teñen a sorte de coñecela. Trátase dunha desas iniciativas que hai nas escolas e que non debera desaparecer sen máis motivo que mudarlo todo porque si. A mochila viaxeira é coñecida en moitos centros de ensino e sempre é unha alegría para a familia que a recolle. Viaxa de casa en casa e, despois de ler os libros que contén, de visualizar os DVD que posúe ou de mergullarse na poesía que nos oferta, toda a familia expresa as súas sensacións de ese intre familiar, cálido e de compartir tempo cos máis pequenos da casa. Desde a idea inicial de fomentar a lectura e incentivar o descubrimento das ciencias naturais e sociais, o que agora é coñecemento do medio, que sempre estivo presente agardando coñecelo de cerca, a mochila cumple esa función que os libros de texto están moi lonxe de conseguir: facer unha escola viva nun recuncho dos fogares.


Non podo conter a emoción que supón lembrar os días de visita á biblioteca de Castropol. Percorrer os corredores cheos de tantas lembranzas das Misións Pedagóxicas, e ollar os libros co carimbo da Biblioteca Circulante de Castropol, certamente a primeira de xeito itinerante que percorría aqueles pobos illados do mundo, da cultura e da civilización moderna. Por iso penso que a mochila viaxeira ten moito que aportar hoxe en día a aquelas familias que poucas veces se encontran para ler un chisco de poesía, un conto de cinco minutos ou descubrir unha adiviña, das de antes?, que seguen a ser as de sempre.


A mochila viaxeira ven lixeira e pesa pouco. Non se escoitan queixas de que sexa unha carga, entendida como os temidos e xa esquecidos 'deberes' dos tempos pasados. Porque nesta sociedade do estrés, da comida rápida e das actividades extraescolares infinitas, xa non queda tempo para outras cousas, ainda que o estudar sempre teña a presenza imponente que nos desfai moitos dos plans propostos. Estudar, eso si, sin memorizar e con pouco esforzo xa que sempre pode ser que o exame sexa tipo test, e haxa algo de sorte? Pero volvendo á nosa amiga viaxeira, non quero esquecer a facilidade coa que nos introduce nas tres linguas coas que case sempre nos topamos no noso país: o castelán, o inglés e o galego, que non por citalo de último ten menos importancia, pois temos que facernos á idea que se segue a existir é grazas a que os nosos maiores, querendo e case sen querer, fixeron de canle veicular desta nosa lingua, a xeito dunha mochila viaxeira.


Por último fica falar do caderno de notas. Ese mesmo no que ninguén, en condicións normais ou habituais, vai anotar nada de nada e leva de viaxe, por se acaso. O da mochila viaxeira sempre está cheo de debuxos, poesías, opinións de nenos e nenas, e agradecementos de nais e pais. E non é que os lugares para expresarse sexan escasos, senón que hai emocións tan grandes que non caben nos corazóns, e grazas ao caderno e o lápiz de sempre, poderemos recuperalos ao cabo dos anos, coa morriña e coas lembranzas daquela mochila viaxeira que un día chegou a nós.

Te puede interesar