Opinión

A moción de censura en Ourense

Xa pasaron varias semanas desde que os tres partidos da oposición no Concello de Ourense asinaran un documento no que se analiza a situación actual e as actuacións do alcalde da nosa cidade. Según teño entendido, nunca se tratou dunha negociación para buscar a forma de mudar de alcalde mediante unha moción de censura, como algúns chegaron a pensar e outros pretendían. Pero, en democracia, os diferentes grupos falan, analizan e buscan posibilidades de goberno. Iso, que aconteceu no Parlamento con Rajoy, resulta insólito en Ourense. O que puidera ser unha opción, segue a ser imposible. A política que se establece desde parámetros xudiciais, trasladando toda negociación posible a denuncias e máis denuncias, corre o risco de pervertirse na súa esencia, isto é: dedicarse xenerosamente aos demais.

Non deixo de pensar en todos os proxectos paralizados pola falta de comunicación entre os partidos. En Ourense, algunhas das obras que se están a realizar e outros proxectos, estiveron ou están á espera de que instancias superiores da Xunta, dean o visto e prace. O saneamento da Ponte do Milenio, a estación intermodal, ou o Centro de Interpretación de Eirasvedras, por citar algunhas. E falo desde a independencia ao non militar en ningún grupo político. Así, gostaría que as maiorías absolutas, que tantos problemas nos trouxeron, que anulan o diálogo e fomentan o desánimo, non volvan nunca máis. Gostaría que os que saen airosos dos procesos xudiciais, fosen debidamente restituidos nos seus postos. Deste modo teríamos aínda un alcalde socialista, o máis querido e recoñecido que esta cidade lembra.

A moción de censura nunca chegará da man dun PSOE capitaneado por Barquero. Esto éncheme de ledicia. Non vou negar diferencias con el na súa xestión nalgúns temas, pero dentro dese balance final, pesa moito máis a súa integridade. Sempre ten presente que o interese xeral dos cidadáns é maior que calquera aspiración persoal. E iso só se consigue ao cultivar os valores humanos da amizade, a coherencia, e a sinceridade. Cando se falou da posibilidade dunha moción de censura, tiven a sensación de que o actual alcalde, Jesús Vázquez, estaba máis que nunca no seu dereito de rematar o mandato e de demostrar que aínda se podería facer algo por nos librar doutro alcalde nun fracaso anunciado. A Alcaldía hai que gañala nas eleccións e o resto son farrapos de gaitas.

Te puede interesar