Opinión

O OUTRO NADAL

Cando se achega o Nadal todo parece tomar outra cor. Case é obrigado estar cun sorriso permanente e mostrar aos demáis que os problemas diarios non pesan dabondo como para expresar preocupación. Ao fin de todo, a alegría do momento, o feito de cear e xantar todos xuntos (cos que aínda están), ou a ilusión dos nenos e das nenas, fai que esquezamos a maldita crise e a depresión económica que nos afoga sen pedir permiso. Pero existe outro Nadal que pouco ten que ver co que se celebra. A razón desta festa é que Deus enviou a Xesús en forma humana a este mundo. Para os crentes (que difícil é crer!), o Nadal supón unha esperanza para millóns de mulleres e homes dispostos a aceitar a bendizón de Deus. Para os que non cren (será posible vivir sen crer?), esta festa é unha excusa para disfrutar da familia e dos amigos. Desta forma, dun ou doutro lado, sempre haberá outro Nadal que será distinto desde a máis profunda esencia.


A nosa sociedade sofre unha profunda crise espiritual desde os tempos de Prisciliano. Por diferentes causas a analizar con máis tempo, o pobo galego tamén foi expoliado, da súa propia espiritualidade. Logo no século XVI a Reforma sería arrasada até mediados do século XIX aproximadamente. Con todo, parece que a prosperidade conduce a unha autosuficiencia que axuda a que, crentes e incrédulos, perdamos a percepción da trascendencia do ser humano. E percorridos 1700 anos desde Prisciliano, nestas andamos, ou mellor dito, nesa seguimos?, deambulando perdidos por este mundo que non deixa de xirar. O humanismo, entendido como ente supremo para o coñecemento do interior do home, produce resultados que non satisfacen as necesidades persoais. Desde a carencia destas necesidades, os seres humanos reaccionamos buscando un Ser Superior que nos axude, e a iso denominamos providencia. Pero Deus non xoga esa partida que nós iniciamos, xa que non é como a 'lámpada de Aladín', á que algúns acuden á desesperada para solucionar os problemas. Esa lámpada só pertence á imaxinación, pero expresa moi ben a modo de metáfora, o que habitualmente demandamos de Deus.


Estou seguro que cadaquén podería contarnos o seu Nadal particular, cheo de ilusións e bos propósitos para o ano vindeiro. Pero nestes seis últimos anos de escasez, as cousas van mudando pouco a pouco. Lembran vostedes cando as campañas do Nadal comezaban a principios de novembro, ou cando algúns saían de vacacións con créditos que lles animaban a suscribir e agora non poden pagar? Daquela non había tempo para a reflexión nen para se achegar a un Deus que quixo enviar ao Salvador a esta Terra. Porque o significado de Xesús, ou Yehoshua (en hebreo) é Salvador.


Outro Nadal pode pasar de puntiñas polas nosas vidas e incrementar outro ano de folgar e lecer. Poren, do mesmo xeito que Xesús naceu en Belén de Xudea, ou sexa, nun recuncho de Israel, hoxe pode nacer nas vidas daqueles que queiran aceitalo coma Salvador e Señor. E iso será unha realidade sempre que queiramos, pois de pouco vale militar nunha ou noutra relixión, se deixamos a Xesús fora das nosas vidas e lonxe dos nosos corazóns. A todos Feliz Nadal.

Te puede interesar