Opinión

A outra dimensión

Acordos, estratexias, pactos, consenso e convivencia son algúns dos termos que están a pasear pola nosa mente. Son obra da actualidade e causa da vontade democrática deste país.

Xa era hora! “Penso, e non quero pensar o que penso; e así sigo adiante, sen pensar”. Esto acontece cando queremos ver os resultados de inmediato e chegan paseniño. Noutras ocasións, deixamos a cuestión para cando sexamos máis maiores, pero o tempo pasa máis rápido do previsto.

Os intelectuais buscan refuxio na filosofía para tentar achegarse a esa dimensión que trascende o noso universo limitado, e fartos de buscar deixan de lado, ou xustifican daquela maneira, o que ten difícil resolución. Se entendemos a solución como resultado final dunha circunstancia, até pode ser frustrante acadar o ocaso sen analizar o proceso. Estou a referirme ao remate da vida, pois estamos na aprendizaxe dese intre que un día ha chegar, pero ninguén quere que chegue .

As relixións teñen a exclusiva neste asunto pero ao final resulta ser unha entelequia, ao apartar dos corazóns dos homes a paz que precisan e estabilidade que desexan. O feito de deixar a un lado a parte espiritual do ser humano supón un erro tan grande, que ao longo dos anos xa non vai ter solución humana. A capacidade de acadar a dimensión da felicidade é tan etérea como o interés en manter unha relación persoal con Deus. Un Deus identificado tantas veces coa “relixión verdadeira” non creou e xenerou máis ca ateos forzosos pero nunca absolutamente convencidos. Entre outras cousas, porque se estamos seguros do absoluto entraríamos xa na outra dimensión que non dominamos, e que nos preocupa, e que nos xenera inquedanza e até medo. E chegados a este punto estou convencido que os novos partidos políticos non serán capaces de separar o feito relixioso da parte espiritual do ser humano. Unha cousa é que cadaquén pague a súa relixión (según palabras de Churchill), e outra cousa é que según os intereses se atenda ou non á parte espiritual relacionada coa cultura universal. Deste modo podo definir a Biblia, como libro universal que atende a esa espiritualidade intrínseca do home. Pois saiban vostedes que topeime con que as Mareas apoiaban unha resolución no Concello de Marín de apoio a Biblia, mentras rexeitaban o mesmo proxecto no Concello de Ourense. Eso responde a que en Marín xogábanse varios concelleiros se votaban en contra. Pois xa o dixen antes..., cando os intereses persoais dominan os grupos, todo se volve rancio, cheira a rancio e sabe a rancio.

Nesta semana tan importante para todos, quedará a un lado unha vez máis o ben xeral. Os acordos, chegarán inundados de ilusións para algúns, pero vivirán nun equilibrio inestático en función da aritmética parlamentaria. Se todos buscaran unha nova dimensión para potenciar a igualdade, a fraternidade e liberdade, até podería chegar a pensar en algo ilusionante, sen esquecer que sería froito a miña imaxinación. Pero en poucos días coñeceremos un novo goberno, e moito me temo que estará na mesma dimensión de sempre.

Te puede interesar