Opinión

E pasou outro curso...

Hai un dito, que desde hai moito tempo forma parte da fala dos estudantes, que afirma que a mellor vida remata cando aparecen os exámenes. Nun principio puidera parecer certo, pero a realidade é que antes da chegada dese final de éxito ou fracaso, hai unha chea de meses de disfrutar de moitas cousas. Os compañeiros, os profesores, a escola e o aprender, conforman unha boa dose de experiencias como para desexar que a vida de estudante non teña fin. E nestas datas nas que veñen as vacacións, a formación dos nosos alumnos continúa. Pouco importan as idades que teñan. En cada etapa hai unhas necesidades que debemos atender, e nas que debemos participar como pais, porque dentro da aprendizaxe coexisten diferentes niveis nos que os nenos desenvolven a súa personalidade. A primeira é a familia, coas súas funcións, e a segunda é a escola, na que ademáis de ensinar ten a función de educar. Por esa razón, ambos niveis deberan ser complementarios e estar ben coordinados.

Sen entrar en cuestións legais, como a actual Lei Orgánica para a Mellora da Calidade da Educación, as diferenzas respeito á educación doutros tempos é radicalmente distinta, poren, seguimos a copiar modelos do pasado que sufrimos e reproducimos con pouco éxito. Durante estes días, escoitaremos outro ano máis que o periodo de vacacións segue a ser un problema para aquelas familias nas que o pai e a nai traballan. Pouco se pensa en que neste periodo de descanso necesario, condicionado neste país pola climatoloxía, é un tempo para que os alumnos muden de actividade e aprendan a invertir o seu tempo de lecer con sentidiño. Lembro un interesante artigo do sociólogo Mariano Fernández Enguita titulado “Educar es cosa de todos: escuela, familia y comunidad” no que falaba da aprendizaxe dos nenos no medio rural. É certo. Non coñezo a ningún neno que non goce de estar libre nas rúas dos pobos, descubrindo todos os recunchos dun lugar pequeno, pero tan fermoso! Que ademáis de ser agora un punto de encontro de familias, é toda unha testemuña de varias xerazóns. Unha historia da que as pedras mudas foron e seguen a ser protagonistas dos seus antergos. Neses pobos cheos de posibilidades, cada día, falta máis xente. Son os que retornan a eles nas vacacións, os que lles dan alegría aos seus veciños e por un par de meses, todo o pobo é unha gran festa. Pero a este nivel a escola non pode chegar como chegan as familias. As siestas nas carballeiras e os xogos cos bugallos. Os columpios nas ponlas das pobres árbores. Os brinquedos tradicionais coma os tirabolas (de pao de sabugueiro) ou a billarda. E aínda que as vacas xa non se ven coma antes, nin as ovellas ou os años, brincando como tolos sen rumbo fixo, podemos topar pitas, porcos e algúns cans, nos pobos que xa non cheiran a pobo, e aínda que todos o queren de palabra, ninguén fai nada para que agromen. Cara ao fin da xornada, as conversas pola fresca do día, as partidas de cartas, os risos e as lembranzas de cada ano.

Nestes días que chegan as vacacións, os nenos e as nenas queren xogar cos seus pais. Facer viaxes xuntos. Vivir e convivir en familia, porque todo un curso pasou de aprender a vivir e convivir na sociedade. Por tanto, cada familia ten un rol fundamental que debe asumir, e que non se pode disociar da escola que por algúns días, deixa máis tempo para a educación familiar.

Te puede interesar