Opinión

A Quinta das Tapias

Nunha mañá deste verao fosco, recibo unha chamada dun bo amigo para charlar un chisco e intercambiar impresións sobre varios temas relativos á cidade. Na conversa xurde unha idea de visitar o centro de cultura de Verín, no que Gómez Rivada expón varias esculturas, nun encontro co pintor Vázquez Rivada, o que ben merece a pena coñecer. De xeito espontáneo organizamos a viaxe con Jaime Montes e Maricarmen. Antón Alonso é un bo coñecedor de todo recuncho desta nosa terra e coa súa benquerida Marita, xa pola tardiña, tomamos camiño da vila veriñense.

Risos, conversas e un sinfín de lembranzas das nosas familias (todas elas coñecidas da Vella Auria, que segue a ser moi pequena) agroman nos poucos minutos cos que se chega ao destino. E despois de ver a exposición hai que regar a visita cuns caldos, por iso visitamos a Anibal Blanco na Quinta das Tapias. Chama a atención a entrada á bodega creada polos irmaos Blanco hai dez anos. Por desgraza só pode atendernos Anibal, que perpetúa a mesma ilusión do seu irmao pola arte de cultivar e elaborar bos caldos. Cunha capacidade de 1.200.000 litros nunha quinta de 32 hectáreas, este bodegueiro aproveita o microclima continental de tipo mediterráneo para empregar variedades de treixadura, albariño, godello, mencía e araúxa. Case nada.

Así, na localidade de Pazos fixemos moito máis que deitarlle uns copos de excelente viño da Bodega Tapias Mariñan, pois descubrimos un amor especial na súa elaboración e un resultado final que fai que un 60% da producción marche para os EEUU, e que unha chea de máis de 20 premios acrediten a súa valía. Ademáis é unha aposta de futuro xa que as instalacións de 3.200 metros cadrados están en expansión. Por iso penso que seguir descubrindo os nosos recursos é unha das asinaturas pendentes coas que temos que loitar, para aprezar, valorar e potenciar polo menos o noso.

Te puede interesar