Opinión

A RESACA DO ENTROIDO

Cada ano que se celebra o Entroido hai varios sentimentos antagónicos que se combinan nun tempo común de convivencia. Uns viven a festa por partes, todo o mes. Outros fuxen da festa e dos ruidos das rúas todo o que lles é posibel. Porén, uns con vestidos e música e outros no silenzo de todo o ano, manifestan dalgunha maneira que o folgar e rachar coas regras impostas é posibel no tempo do Entroido. Logo virá..., en realidade xa chegou, a Cuaresma terribel que amansa a masa sen control. Por iso o Entroido é propio de países con tradición católica, e nos de tradición protestante non se celebra, ainda que existe algunha excepción como en case todo.


Sen entrar en valoracións sobre as orixes paganas do Entroido, creo moi necesario insistir na importacia do coñecemento deste fenómeno ancestral. En Ourense temos moita riqueza neste sentido e excede ao xa famoso triángulo máxico ourensano de Verín, Xinzo e Laza. Por iso quero fixarme nesta ocasión en Viana do Bolo e nos seus boteiros. Os traxes e carautas destes persoeiros son espectaculares. Ademais da máscara, feita de madeira de nogueira, da parte que eles chaman a concheira, as formas xeométricas da parte superior están decoradas con fitas de cores que son moi vistosas. Visten unha blusa bordada e pantalón vermello. Levan unhas campaíñas que fan soar no andar e no correr entre as comparsas, que desfilan tocando os bombos con tanta forza que fan que o sangue tinga os parches de cada un dos instrumentos. En ditas comparsas, as mulleres e os homes participan en igualdade de condicións, compartindo ritmos, cargas e espectacularidade entre os que ollamos con sorpresa as facianas de esforzo e de dor, que en moitos casos non se poden agochar. Resulta tamén moi curioso observar outros instrumentos que eles fan soar a golpe de martelo: gadañas, sachos e partes de arado, levando un ritmo binario subdividido respeito ao que marcan os que tocan o bombo. No remate, as comparsas mostran os oficios da terra no seu facer máis ancestral. Por iso vemos aos zapateiros nun carro traballando, as panadeiras cocendo pan no forno de leña que había nas casas dos ricos, ou as pallozas circulares de pedra, que lembran aos poboados celtas dos castros.


Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Manzaneda é outro dos triángulos menos coñecidos do Entroido, por iso merece a pena vivilos e visitalos. Agora que se crean outros triángulos como na cidade de Ourense nas Eiroás, A Ponte e Seixalbo. E parabens para a Pita, a Paquita e o Nicanor e para o Frai Canedo, que seguro que dentro de moitos séculos chegarán a ser ancestrais. Pero disfrutando os que nos creamos, non esquezamos os que por ser de lonxe, siguen existindo nun silenzo frío e lonxano.

Te puede interesar