Opinión

SEMPRE OURENSE

Perto do seu corazón aureo. No silenzo das salas do Liceo. Aliviado polas pedras das testemuñas inmorrentes dos tempos medievais e da abafante calor de sempre, leo con atención e emoción o prólogo de Celso Emilio (centenario doutras pedras longas na noite) na guía titulada 'Orense', escrita e case declamada pola pluma de D. Ramón Otero Pedrayo. Maxistralmente ilustrado por Xaime Quessada no ano 1966, non podo deixar de pensar na exclusividade que supón esta guía editada por iniciativa da caixa de aforros. Agora que xa non hai caixas e so nos falan de fundacións, que coa pretensión de xogar cos galegos ao xogo da Oca, e dicer, do Gaias ao Gayoso e tiro porque me toca..., temos un problema que fai que xiremos aos tempos do pasado. Con todo, penso que Ourense, sempre afeito aos recortes, pouco vai notar o cambio pero sí pode achegarse ao esmorecemento. Xa non hai xente nas aldeas, nen nenos e nenas nas escolas. Xa non hai vacas que pasen polos pobos e os máis novos so coñecen aos porcos pola Wikipedia, ou os viron fozando no 'youtube'. Por iso o 'maestoso' expresado por D. Ramón na guía de Ourense da que lles falo, fica na historia e para a historia, sen emendas por parte dos que hoxe mandan e mañá se fartan de festas e troulas, sen chegar a toparlle unha solución de futuro.


A día de hoxe, a mellor guía de Ourense é a escrita polo amigo 'Chisco'. E non entrarei en comparacións con outras, pero está á altura das de Fariñas e Otero, pola súa estratexia de explicar Ourense desde a literatura, dos segredos da cidade e desde as anedotas contadas polas xentes. E non quero esquecer ao mestre Alfredo Cid Rumbao coa súa guia da provincia de Ourense, neste Ourense que como decía Ben Cho Shey todo vai mudando de sitio..., salvo os ourensans, que vivan onde vivan levan a súa Auria coa triloxía no corazón: a Burga, a imaxe do Cristo e a Ponte.

Te puede interesar