Opinión

VENDO TODO!

Lembro que hai poucos anos vivíamos na abundancia, no consumo compulsivo, e que a propia sociedade creaba en todos nós unhas necesidades ficticias que facía que as casas e os trasteiros estivesen cheos até á bandeira. É dicer, mercar por mercar e nada máis. Encher as moradas de todo tipo de obxectos e despois seguir mercando para estar ao día neses tempos en que a maioría non se decataba de que a situación ía estoupar coma unha desas pumpas de xabón coas que xogabamos de nenos. Daquela case todos creían que eran ricos. Por iso quero lembrar ao mellor violinista de todos os tempos. Estou a falar de Niccoló Paganini.


Son demasiadas as hipóteses feitas sobre este músico. Tantas que o número de anedotas daría para moitos comentarios e opinións. Con todo, hoxe quero destacar so un aspeito do 'violinista diabólico', que segúndo nos din os seus cronistas era moi miserable e avaro. A idea que lle rondaba a cabeza era que se amasaba unha inmensa fortuna non tería que preocuparse do seu futuro. Non quería que lle acontecera o mesmo que a Mozart ou a Schubert, que por camiños distintos acabaron na pobreza. Poren, Paganini, aínda con moito diñeiro, fíxose moi avaro e negábase a dar concertos de balde, salvo algunha excepción. Eso si, a súa fachenda era sempre a mesma..., impropia de alguén que ten posibles para vestir ben. Deste modo vemos que non soubo disfrutar do diñeiro que posuía.


Por outra parte, algúns din que o éxito da súa destreza co violín e da empatía da súa música coas xentes daquel tempo foi que vendeu a súa alma ao demo. E sen querer vanalizar este tema de consecuencias desastrosas, estamos a vivir uns tempos no que vendemos todo o que dun principio fixemos acopio. Todo o que nos tempos da riqueza virtual se nos ofrecía e mercabamos, agora xa non ten utilidade. Moveis, casas, libros, discos, teléfonos, aparellos electrónicos (un en cada recuncho), xa é hora de vendelos. Quizais sexa un bo momento para reflexionar, aínda que algúns pensarán mellor en aproveitarse dos que teñan que vender. Lembren vostedes que tamén hai os que se fan ricos en tempos de guerra, e iso so é o comezo doutro asunto de maiores dimensións.

Te puede interesar