Opinión

XXV anos da San Martiño

Un ano máis e xa chegou o San Martiño. As celebracións na cidade son numerosas e os eventos relativos ao patrón sucédense. A tradición, que xa pouco ten que ver coa relixión, agroma nos corazóns dos ourensanos. As castañas, o viño novo, os amigos, as tertulias e os debates, forman parte dunha cidade na que a cultura popular está presente en cada recuncho dela. E sempre, sempre con iniciativas innovadoras, o Liceo de Ourense mantén un ano máis a exposición de filatelia para todos os que se queiran achegar ao aula Cultural. Neste convocatoria, e xa van vintecinco, a exposición do San Martiño despídese dun aula que terá outros obxectivos tamén relacionados coa cultura.

Sería longo de contar os comezos e avatares desta boa iniciativa, pero aínda resulta máis complexo explicar que desde a primeira exposición pasaron máis de 25 anos. As cousas non sempre son como un quere, e normalmente os problemas non aparecen ao iniciar un ciclo, senon ao intentar seguilo. Permanecer no tempo e manter un nivel filatélico aceptable é moi complicado pero grazas á Sociedade Miño e ao Liceo de Ourense a meta está cumplida. A diversidade de coleccións que podemos atopar na San Martiño é moi interesante. Ademáis de selos e moedas, as vitolas, os calendarios ou os billetes de lotería son obxectos que os coleccionistas, case todos de Ourense, expoñen con pasión e orgullo. Detrás de cada unha das coleccións hai moito traballo.

O coleccionismo ten un discurso expositivo que enche de interés a actividade. Durante moito tempo se pensou que facer acopio de obxectos era coleccionar. Nada máis lonxe da realidade. A organización e estructura das coleccións que se presentan están supervisadas por unha Comisión que se rixe por uns parámetros establecidos previamente. Só os sócios da Sociedade Filatélica e do Liceo de Ourense poden achegar pezas a esta exposición. Concretamente o Liceo presenta unha colección de moedas que chamarán a atención a todos os que queiran achegarse a vela nesta semana.

Trátase dunha primicia de 12 moedas conmemorativas, baixo o título “Ó mundo da pesca”. Unha colección non circulada de cobre-niquel, que a organización para a alimentación e a agricultura das Naciones Unidas (FAO) autorizou. A emisión da colección foi para conmemorar a “Conferencia Mundial del desarrollo y gestión de la pesca”, que tivo lugar en Roma durante os meses de xuño e xullo de 1984. Cada moeda ten un valor conmemorativo especial, ademáis cada unha é de curso legal no seu país de orixen. Son 100.000 o número das colecciones deste tipo no mundo. Unha oportunidade excelente para que os máis pequenos se interesen en invertir o seu tempo de lecer de forma máis positiva.

Te puede interesar