Opinión

Nin sei, nin quero

Nin o sei nin me quita o sono, como é que foron elas -e non outras, nin outros, nin outres- as que chegaron ao Bernidorm Fest. Tanto ten. O caso é que foron tres rapazas novas, e galegas, as que quedaron no número tres, cantando por todas, per tots e guztientzat.

Seica o tres é o número que simboliza a expansión, o optimismo e a creatividade. De novo, tres. Quen sabe se isto é cousa de meigas, ou máis ben, unha caza de bruxas. Deixémolo aí para quen queira entender.

O asunto é que cantaron. Que falaron. Que se amosaron. Ou sexa: moito máis do que nos tiñan fiado ata o de agora estes espazos tan hexemónicos. Máis porén, moito menos do que a cousa merecería. E así vai o conto: que os “expertos” non semellan ser os máis espertos. Matices, seica... 

O que sei é que estas tres rapazas son a xeración dun tempo que eu aínda quero vivir. As miñas fillas, e máis a miña nai, e máis as miñas avoas, e tantas outras antes... foron o emblema útil desa institución que se deu en chamar “matriarcado galego”, e que, xunto a tantas verdades, acochaba dende tempos inmemoriais escuras tebras sobre o papel da muller na familia e na sociedade (patriarcal, coma sempre).

Estas rapazas están a lembrarnos ás mulleres galegas que tradicionalmente foron o sostén da familia, namentres os maridos ían para o mar, a Castela á sega do trigo ou emigraban para América. Aquelas nais criaban aos fillos, administraban a casa e sustentaban o fogar.

Tanxugueiras é outro tema. Ou, se cadra, o mesmo, pero noutra versión. Avanzamos. 

Fan falla aínda tres mulleres novas (tan sinxelas como xenuínas) saíndo ao mundo sen máscaras, coa pandeireta na man, para cantar alto e forte que non hai fronteiras. E o certo é que Galiza nunca tivo fronteiras, sempre foi universal, pola súa relación máis forte con América e a Inglaterra que con Castela. Así se describían as terras nos documentos de propiedade: ou lindando polo oeste con América, mar en medio, ou polo norte coa Inglaterra, mar en medio.

Erguidas sen vaidade, mais coa dignidade que só pode expresar quen vai de cara. Elas, que sen complexos de chanel, visten con gusto pantalóns que as liberan da tiranía dun corpo imposto. Libres na súa voz, coma se isto fose o único que reivindican. E acompañadas deles: eses que, por unha vez, saen case espidos bailando ao son. Con faldas y a lo loco. Ou, o que é o mesmo, Some like It Hot. 

A mensaxe xa está aí. O demais, é tempo.

Te puede interesar