Opinión

Antigos, non inxenuos

Biface da provincia de Ourense.
photo_camera Biface da provincia de Ourense.

O noso ciclo vital como humanos é curto. Menos anos dos que quixeramos, aínda que vivamos en Ourense, a Okinawa de Occidente. A esperanza de vida non deixa de ser un suspiro se a comparamos coa historia, relato que coas especies coñecidas -os Homo-, remontamos máis de dous millóns de anos. Quizais por iso na cultura popular existe a tendencia de comparar a historia da humanidade co ciclo vital dunha persoa. Así, os nosos antepasados máis lonxanos comportaríanse como nenos, os seguintes como adolescentes, despois como mozos inexpertos ata que nós, os Homo sapiens, alcanzamos a madurez.

Pero nada máis lonxe da realidade. Os humanos que nos precederon e transitaron por fases culturais diferentes, foron quen de solucionar os problemas vitais que en cada momento se lles ían presentando, creando sistemas culturais cada vez máis complexos e elaborados. Teñan por seguro que, se non houbera sido así, eu non estaría escribindo estas liñas e vostede léndoas. Os antigos eran simplemente iso, antigos, e non incapaces ou intelectualmente limitados. Acaso neste contexto teñen cabida noticias que veñen aparecendo nos últimos tempos e que, dende este punto de vista ou seguramente pola forma da narración, puideran producir efectos case sensacionalistas. Hai uns días lía en diferentes xornais o achado duns importantes restos arqueolóxicos de hai 476.000 anos, xunto ao río Kalambo, en Zambia. Formaban parte dunha posible estrutura de madeira que conservaba dous troncos cruzados. Un deles tiña unha amosega para poder encaixar o outro e evitar que se movera. O caso é que algún dos referidos artigos transmitían unha enorme sorpresa por semellante logro da humanidade.

Pero vexan. Un millón de anos antes, aparecía unha ferramenta de pedra formidable, o biface, un exemplo entre outras exitosas creacións técnicas da prehistoria. Foi o froito da capacidade mental do Homo ergaster, que habitou África hai aproximadamente 1,6 millóns de anos. En Europa aparecen despois, hai “tan só” uns 500.000, obra do Homo heidelbergensis. É como unha machada puntiaguda para utilizar directamente coa man. Fabricábase cun coio ou cun fragmento do -“lasca”- de mediano e incluso de gran tamaño, tallado polas súas caras, de aí o seu nome. As marcas que aínda permanecen nos seus fíos cortantes -as “pegadas de uso”-, indican que os bifaces se utilizaron para labores moi diversas. Serviron para perforar, cortar e raspar, esfolar, escaravellar e, incluso, para tallar outras ferramentas. Non en van se lle chegou a chamar informalmente a “navalla suíza do paleolítico”. Pero o máis importante que todo en relación co asunto que estamos a tratar foi o enorme avance conceptual para fabricalos. Era a primeira vez que que se elaboraba unha peza con forma plenamente artificial, que se prefigura mentalmente e necesita tantas modificacións que apenas recorda a morfoloxía da materia prima. En ocasións son tan simétricos e cun traballo tan esmerado, que chegaron a considerarse as primeiras obras de arte. Aínda máis, o biface perfeccionouse e estandarizouse, reproducíndose ata moito tempo despois, incluso polos neandertais, que se extinguiron hai uns 35.000 anos.

A capacidade do ser humano en todas as súas formas, a actual e as desaparecidas, permitiunos nun complexo proceso de adaptación, ser como somos na actualidade, un mundo poboado unicamente por sapiens que aprendeu e integrou as solucións vitais das outras humanidades que nos precederon.

Te puede interesar