Opinión

Cardeal Quevedo, bispo de Ourense

Pasear por Ourense sempre é moi grato. Un dos grandes praceres de vivir nunha cidade de pequena escala como a nosa, que a maioría das veces nos permite desprazarnos a pé, é saudar aos coñecidos, ter a ocasión -e o luxo- de parar e charlar cos amigos, aínda que sexa unhas parrafadas, e ir recoñecendo a historia en cada curruncho das súas rúas, prazas e edificios. Nesas ocasións, cando bordeamos a capela das Mercedes e subimos a rampla cara a rúa de Arturo Pérez Serantes, podemos ver a entrada traseira dun impoñente edificio. Hoxe utilízase como Centro de Educación Infantil e Primaria “As Mercedes”, ademais de ser a Residencia Xuvenil que leva o nome do excelente prehistoriador ourensán Florentino López Cuevillas.  

Sobre a porta destaca un escudo heráldico partido en catro -cuarteado- que, campo por campo, ostenta tres flores de lis, un león, unha árbore cun can lebreiro atado ao tronco e un castelo cun caldeiro. O timbre, insignia da parte superior do brasón, é o da mitra episcopal, o capelo do que pende un cordón con seis borlas a cada lado. Son as armas do bispo Quevedo, outro dos prelados que deixou unha pegada significativa nesta cidade. Sen dúbida porque foi unha figura histórica moi controvertida no ámbito político e, ademais, legou unha importante obra social que quedou reflectida na herdanza arquitectónica e urbanística. 

Pedro Benito Antonio Quevedo Quintano, que chegou á dignidade de cardeal en 1816, foi bispo de Ourense entre os anos 1776 e 1818. Segundo se desprende de diversos traballos, entre os que destacamos o de Ismael Gutiérrez Pastor, aceptou o bispado auriense coa renuncia a outras dignidades eclesiásticas, entre elas a de arcebispo de Sevilla, en dúas ocasións, ou o de Inquisidor Xeral. Incluso, dada a súa oposición a Xosé Bonaparte, en 1810 formou parte do “Consejo de Regencia de España e Indias”, durante a Guerra da Independencia. Foi, ademais, un valedor das teses sociais máis conservadoras, opoñéndose frontalmente á Constitución de 1812. Cando esta foi derogada e sendo bispo de Ourense, celebràronse festexos queimando os textos na Praza Maior, despois de ser paseados ata alí a lombos dun asno, como narra Xosé Somoza Medina na súa “Historia de Ourense”, publicada en 2010.


Pero vaiamos coa súa incidencia no urbanismo histórico da cidade, onde deixou unha significatova herdanza coa fundación de dúas institucións cuxos edificios fixeron medrar o núcleo urbano cara o norte: o Seminario Diocesano de San Fernando, situado no edificio dos Xesuítas, contiguo á igrexa de Santa Eufemia do Centro -hoxe residencia de sacerdotes-, e o Hospicio e o Colexio das Mercedes para nenas. Dicía Olga Gallego, que o primeiro colexio feminino foi o da Nosa Señora das Mercés, fundado en 1632 polo bispo Diego de Zúñiga Sotomayor con tres beatas. Pero pronto languideceu ata que o bispo Quevedo, en 1783, o refundou e ampliouno á beira o Hospicio para nenas expósitas procedentes do orfanato. Non sería difícil que o Colexio da Nosa Señora das Mercés estivera relacionado coa ermida de “Nuestra Señora de la Merced de la Pía da Casca” -así se chamaba a zona no medievo- e o seu mosteiro feminino anexo, existente no século XVI, e que se fora ampliando. O que si é moi probable é que, cando menos a parte do inmoble que acolle aos citados CEIP “As Mercedes” e residencia Florentino López Cuevillas, fose orixinalmente a devandita ampliación de 1783 do bispo Quevedo, agás as reformas e ampliacións do arquitecto Manuel Conde no século XX, cuxa obra está a estudar o arqueólogo Celso Rodríguez Cao, arqueólogo que nos deu as primeiras noticas da citada reforma. Alí, na fachada sur, é onde poden desfrutar da citada labra heráldica. Non queremos deixar de citar que este bispo acolleu na súa diocese a numerosos eclesiásticos expulsados, despois da Revolución Francesa, entre os anos 1789 e 1792. Moitos, como cita a mesma investigadora, permaneceron aquí ata a súa morte e foron enterrados no cemiterio da actual praza da Madalena.

Como tantas veces escribín, non podemos esquecer na historia de Ourense, cidade que foi señorío episcopal entre os anos 1122 e 1628, as pegadas que deixaron algúns bispos no seu urbanismo.

Te puede interesar