Opinión

Celanova: “Juntos brillamos más”

Querida Celanova: estiveches moi cerca, pero desta non foi. Parabéns para La Alberca, un digno rival de categoría. E como non, a Ferrero Rocher -supoño que, dada a circunstancia, podo citar a firma comercial- polos prestixiosos produtos que fabrica e, hoxe en especial, polo lema que escolleu para o concurso de iluminación de Nadal. “Juntos brillamos más”, transmite que a marca e os pobos seleccionados ilumínanse de xeito mutuo. Non hai unha estrela que alumea planetas, se non un sistema no que todos, pobos e marca, son soles. Parabéns.

Celanova, levas moitos milenios con nós, dende antes que comezase a historia. Nela  entraches dunha forma especial e nada anónima. Sabemos de vos xa polos “coelernos”, o pobo galaico que habitaba o voso territorio e asentou a capital en Castromao. Os mesmos que axudaron a construír a ponte romana de Chaves -”Aquae Flaviae”- na época do emperador Vespasiano e, décadas despois, asinaron un pacto de hospitalidade co exército romano. Na “tabula”, placa de bronce que Ferro Couselo e Xaquín Lorenzo exhumaron en Castromao, está gravado o texto do tratado, certificando que o prefecto da primeira Cohorte dos Celtíberos, Gneo Antonio Aquilino, Novaugustano, e os seus descendentes, asinou en 132 d. C. o tratado de hospitalidade cos coelernos e os seus herdeiros. Unha reprodución de gran tamaño da tábula loce hoxe na praza de Cervantes. Os conquistadores deixaron nas terras ce Celanova monumentos como a Ponte Freixo, construída sobre o río Arnoia, unha das mellor conservadas de Galicia. 

Non podemos falar de Celanova sen citar a San Rosendo -“Rudesindus Gutierri”-, bispo santo e nobre galaico emparentado coa realeza. Curmán de Ramiro II, de Alfonso IV ou de Sancho Ordóñez, foi nativo de São Miguel do Couto, vila portuguesa de Santo Tirso que entón formaba parte da Gallaecia. Nacido nos inicios do século X, foi bispo de Mondoñedo e fundou, entre outros establecementos, o mosteiro de Celanova no ano 936, do que foi prior. A igrexa monacal consagrouse en 942. Pero debeu deixar temporalmente o cargo para exercer de Gobernador de Galicia, etapa na que fixo fronte ás invasións normandas e dirixiu campañas militares contra os “sarracenos” -”habitantes do deserto”-  nas terras portuguesas. Á súa volta e tras falecer o abade Franquila, foi elixido Superior. Antes da súa morte, aínda rexeu a sé compostelá, volvendo en 966 a Celanova, onde radicou ata o seu pasamento en 977. Dos escasos restos orixinais do mosteiro consérvase a capela de San Miguel, xoia universal da arte mozárabe. O mosteiro actual, que nada ten que ver co orixinal agás na súa orixe, emerxe da praza principal de Celanova coa monumental igrexa de aspecto catedralicio e traza de Melchor de Velasco, do século XVII.    

Aínda que sexa arqueólogo, non debo esquecer que sodes terra de poetas, de escritores, como ben proclamades dende a Fundación Curros Enríquez. Con ela homenaxeades a un dos catro piares do Rexurdimento. Curros, Rosalía, Lamas Carvajal e Pondal protagonizaron a vontade de recuperar dende o punto de vista literario, histórico, cultural e político a realidade galega. No caso do celanovés, destaca unha obra cun forte contido social e crítico. A publicación de “Aires da miña terra” en 1880 orixinou o edicto condenatorio do bispo Cesáreo Rodrigo, segundo o prelado, por “herejías y ataque a la religión”, o que provocou o secuestro xudicial da obra. Tamén poeta celanovés -e activista- foi Celso Emilio Ferreiro, cuxa obra “Longa noite de pedra” convérteo en sucesor da lírica social de Curros. Os meus traballos nas terras fronteirizas da Baixa Limia achegáronme a outro dos vosos inmensos escritores, Méndez Ferrín. Con “Arraianos”, dez documentados e fermosos relatos de fronteira, consolidei a miña admiración literaria por el, que xa me espertara a súa primeira obra “Percival e outras historias”. Non cito outros autores, agora en plena actividade creativa e cos que comparto amizade. 

Hoxe, Celanova, teño a certeza de que hai máis xente que puido coñecer o que xa sabiamos: con ou sen primeiro premio, tes luz propia, unha estrela que, como as divisas dos mandos militares, ten moitas puntas, tantas como os intensos escintileos cos que enriqueces a nosa historia. Unha ilumina cada equinoccio a capela San Miguel. Outra o Nadal. Parabéns, Celanova.

Te puede interesar