Opinión

Cemiterios vs. necrópoles

Nos dicionarios non poucas veces aparece cemiterio como sinónimo de necrópole, e viceversa. Sen embargo, para moitos investigadores do pasado, adoitan ter significados diferentes. Vexámolo, pero non sen unha pequena contextualización histórica.

A concentración da poboación en núcleos urbanos ten a vantaxe de agrupar servizos. Os datos do municipio de Ourense, aínda que inclúen as parroquias rurais, ofrecen unha idea desa evolución. Contaba cuns 3.456 habitantes en 1752; en 1900 tiña 17.381. En 1940 eran 17.866 e en 1950, despois da anexión do Concello de Canedo, 55.574. Pero nos inicios da contemporaneidade, os servizos eran escasos, especialmente na salubridade. Gran parte do saneamento na cidade antiga constrúese a partir da segunda metade do século XIX, un efecto algo tardío da súa condición de capital de provincia dende 1833. É certo que a planificación das primeiras urbes gregas e romanas contaban con sistemas saneamento, pero o “hixienismo” non se conceptualizou ata moitos séculos despois.

A mediados do século V a. C., a Lei das Doce Taboas prohibía a inhumación e a cremación de cadáveres dentro da cidade, para preservar a salubridade pública e evitar incendios. Pero co avance dos séculos tales prohibicións reláxanse. A compilación legal de Xustiniano de 533 d. C. -o “Digesto”- consideraba que edificar unha casa co beirado sobre un enterramento era tan grave como violar a propia tumba, o que indica que a cohabitación de vivendas e sepulturas non debía ser rara. Coa descomposición do mundo urbano, inherente ao final do mundo clásico, é aproximadamente a partir do ano 1000 cando se constata o rexurdimento das poboacións e a concentración dos enterramentos ao redor das igrexas. E xunto elas, as vivendas, incrementándose as inhumacións. Pensemos nos nosos núcleos parroquiais do rural. A convivencia do lugar de enterramento co de habitación é o que consideramos “cemiterio”, concepto distinto ao de “necrópoles”, é dicir, a cidade dos mortos afastada da dos vivos. O proceso de -permítanme a expresión- “cemiterización versus necropolización” atopámolos ao longo da historia en relación, como non, con usos sociais relacionados co culto ou tratamento dos mortos, así como cos novos conceptos de salubridade. En Ourense detectamos enterramentos urbanos e cemiterios nas derradeiras etapas da época romana -entre outros, na praza da Trindade, As Burgas, contorna de a praza de Saco y Arce ou Posío-, e, con toda certeza, en época medieval e moderna ao redor da Madalena ou da Trindade, mesmo no interior das igrexas ou en claustros.

Dende finais do século XVIII detéctase a expansión das enfermidades entre as poboacións concentradas nas cidades, á vez nacen outras propiciadas polo amoreamento. Estas teorías hixienistas, que consideran a enfermidade como un produto social, foron concibidas e difundidas por médicos que teorizan sobre asuntos epidemiolóxicos. Aínda que eses estudos tiveron como obxectivo paliar as enfermidades xurdidas nos barrios das novas cidades industriais, aos poucos foron tratando conceptos xerais de salubridade nas contornas urbanas. Na transición entre os séculos XVIII e XIX, tiña gran predicamento a teoría dos “miasmas”. Críase que as emanacións que producían os enfermos e os cadáveres infectaban a atmosfera, ocasionando enfermidades a través dos efluvios. Tal crenza, non refutada ata finais do século XIX, tivo o seu apoio na administración de Carlos IV, porque o seu Médico de Cámara, Joseph Masdevall, tamén a compartía. En Ourense contamos co cemiterio -antes necrópole- de San Francisco, como moi ben a denominaba José Adrio Menéndez. O autor recórdanos que en 1833 a Corporación Municipal promove o estudo para situar a nova necrópole, escolléndose o sitio que deu orixe ao actual cemiterio de San Francisco, naquel entón nos arredores da cidade e hoxe integrado no espazo urbano. A partir de entón, a “Junta Superior de Sanidad” prohibe os enterramentos xunto ás igrexas, máis aínda cando no ano 1832 o cólera procedente de Francia ameazaba á cidade. A nova necrópole inaugurábase o 9 de maio de 1834 coa bendición do bispo Dámaso e a prédica do cóengo Juan Manuel Bedoya.

Dende 1993 contamos cunha nova necrópole, a de Santa Mariña, deseñada con criterios de salubridade e hixiene e afastada da cidade dos vivos. Non sabemos se co transcorrer do tempo converterase -como outrora ocorreu con San Francisco- en cemiterio.

Te puede interesar