Opinión

O crismón de Quiroga

O meu pequeno crismón de Quiroga na solapa.
photo_camera O meu pequeno crismón de Quiroga na solapa.

En gran parte a Arqueoloxía acadou a madurez cando trocou os aspectos cualitativos polos cuantitativos, no momento en que buscou métodos científicos en vez de cinguirse a valoracións só estéticas. Iso orientouna a buscar datos que permitan reconstruír o pasado, independentemente da cualidades calolóxicas de cada peza, que na etapa dos anticuarios chegaron a predominar para gañarse un sitio nas vitrinas dos museos.

Sen embargo, -e dito o anterior- existe no Museo Diocesano de Lugo unha peza que me fascina, tamén dende o punto de vista estético. Refírome ao Crismón de Quiroga, atopado na igrexa de Santa María da Ermida. E tanto e así que por non atopar unha reprodución comercial, encarguei a unhas pequenas réplicas artesanais para lucir na solapa a modo de insignia ou como broche. Incluso adoito utilizar esta imaxe, o de Quiroga, para felicitar o Nadal aos amigos, o que volverei facer este ano. Por que esta atracción? Independentemente de crenzas relixiosas que deron difusión á peza que agora tratamos, o crismón é sen dúbida un anagrama, un cristograma perfecto. Nace de utilizar as letras “X” e “P” -respectivamente “khi” e “rho”- como iniciais maiúsculas de Cristo no alfabeto grego (“Χριστός”), ás que engade as “alfa” e “omega” en minúsculas (“α” e “ω”) para referirse a El como principio de fin de todas as cousas. O gran disco de mármore que serve de base, ten 95 cm de diámetro, 6 de grosor e pesa 120 quilos. O crismón está rodeado por dous circos debuxados con boliñas en relevo. Dentro delas, cun desenvolvemento dextroxiro e circular, aparece a inscrición seguinte: AVRVM VILE TIBI EST ARGENTI PONDERA CEDANT PLVS EST QVOD PROPRIA FELICITATE NITES, traducido como “o ouro para ti é cousa vil, e non digamos a prata. É moito máis o que brillas pola túa felicidade”. Foi datado por H. Schlunk ou I. Sastre nos inicios do s. V, concretamente entre os anos 420 e 450 d. de C.. Pero existen outras opinións, entre elas a de J.M. Anguita, que datan a inscrición en séculos posteriores, incluso abrindo a posibilidade de que puidera ser gravada “a posteriori”. Cremos que a representación máis antiga dun crismón en Hispania é a que aparece na lápida dunha muller chamada Marturia, na necrópole de “Tarraco” -hoxe Tarragona-, tumba datada no ano 393 d. de C.

O crismón é na actualidade o símbolo cristolóxico por excelencia, materializado nunha afortunada composición estética que comeza a utilizarse nos estandartes (“lábaros”) dos lexionarios romanos de Constantino, un uso temperán que puido ter incluso un significado diferente, quizais relacionado co culto solar da dinastía constantiniana antes de ser adoptado polos cristiáns, que o difundirán por medio das diversas e numerosas manifestacións artísticas. Incluso no medievo ao crismón se lle engade a letra “S” no vástago inferior da letra “P”, que en opinión do investigador F. de Asís García, representa a última letra do nome de Cristo, “Xpistus”, abreviada “XPS”. Outro valor engadido é o texto, cun marcado carácter filosófico laico que antepón a felicidade que poden proporcionar os pensamentos e as accións loables do individuo diante das riquezas que poida posuír.

Se non lles é posible acceder á peza orixinal, gocen das moitas fotografías dispoñible en publicacións ou en Internet. Beleza en estado puro, sen dúbida.

Te puede interesar