Opinión

Cruceiro viaxeiro

Cruceiro viaxeiro
photo_camera Cruceiro viaxeiro

Apraza da Madalena é un deses lugares de Ourense que preservaron no subsolo vestixios da cidade máis antiga que coñecemos, a romana. Así o demostraron os arqueólogos Luis Orero Grandal e Francisco Espino Domarco nunha escavación, xa clásica, que dirixiron en 1983. Nela deron conta de importantes achados para a nosa historia urbana. As evidencias máis antigas que descubriron baixo un cemiterio romano e outro medieval, remóntanse ao século I d. C. Tamén exhumaron os restos doutra construción romana que, pola súa boa factura, puidera ter formado parte dun edificio público sinalado. Todo, xunto con outros achados, tivo lugar antes da reforma da praza tal e como hoxe a coñecemos e desfrutamos.

Pero agora non lles vou falar de “romanos”, se non dese cruceiro que ven con frecuencia. Trátase dunha fermosa obra barroca que ocupa o lugar central da praza. Sobre os tres chanzos da base, érguese a basa decorada e o fuste que sostén a cruz co Cristo crucificado e, no anverso, a Virxe Dolorosa. Na base, ten gravada a inscrición “Por la cyudad se yzo este crucero y campo siendo Corregidor el Licenciado D. Bernardino patricio Arce y Obregón. 1718”. Este texto, ademais de datar o cruceiro e citar a identidade do Correxedor -funcionario delegado real naquel tempo-, indica tamén o arranxo do lugar onde foi situado, e non era onde hoxe o podemos ver. O  emprazamento orixinal non era outro que a Alameda do Cruceiro, tamén coñecida como Parque Infantil. Na data que exhibe a inscrición, a paraxe situábase bastante afastada do núcleo urbano, como poden comprobar nos planos históricos, especialmente no de Francisco Coello, de  mediados do século XIX. Ou se o prefiren, simplemente imaxinen que Ourense remataba á altura da Igrexa de Santo Domingo. 

O pequeno monumento deulle nome a aquel espazo, a dita Alameda do Cruceiro, e exercía a protección dos camiños que confluían na Ponte Vella, unha rosa dos ventos itineraria dende a antigüidade remota. Sábese que o cruceiro, estando naquel entorno, foi derrubado en 1718 e reparado -ou quizais construído de novo no mesmo ano-, con estilo barroco. Actualmente emprázase na praza da Madalena, trasladado por indicación de Alejandro Rodríguez Veiras, funcionario do Concello de Ourense, seguramente no mesmo tempo en que remodelaba o parque na década de 1960, sendo alcalde o militar Enrique Alonso-Cuevillas Crespo. A orixe destes parques e alamedas debemos remontalas ao século XIX, cando a burguesía, principalmente de tipo comercial e foráneo, demanda novos servizos, como a iluminación pública, o abastecemento de auga ou o cemiterio adaptado á normativa hixiénica imperante. Co anterior, pon en práctica novos hábitos sociais de sabor urbano, tamén no relativo ao esparexemento. Entre eles, o uso dos parques e xardíns, contexto no que nacen espazos como este, a Alameda, o de San Lázaro ou O Posío. A Alameda do Cruceiro que antecedía ao Parque Infantil comeza os preparativos en 1840 coas primeiras medicións e a plantación de “negrillos”, ocupando seis “ferrados” -un ferrado medía 630 m cadrados-, polo que se estendería, aproximadamente coma hoxe, uns 4.000 m cadrados.

Os tempos pasados non volverán, pero poden desfrutar do fermoso cruceiro que deu nome a aquela alameda de antano e hoxe adorna a praza da Madalena. Este é, sen dúbida, un dos recunchos máis recollidos da cidade, e no medievo formou parte da impoñente acrópole episcopal.

Te puede interesar