Opinión

Deuses termais

Tres das seis aras dedicadas a Revve Anabaraego.
photo_camera Tres das seis aras dedicadas a Revve Anabaraego.

As Burgas foron de gran importancia para a historia de Ourense, xa cando dada os primeiros pasos como cidade. E non e para menos porque as augas, con propiedades termais e curativas tamén estiveron cargadas de sacralidade, como demostraron os altares ou aras que apareceron durante as escavacións e inscritas con nomes das deidades. Na antiga Gallaecia existen catro mananciais termais nos que tamén apareceron este tipo de ofrendas, dedicadas a deuses indíxenas non romanos. Dúas localizáronse cerca dos actuais balnearios de Caldas de Reis e de Guitiriz. Do de Caldas de Reis proceden dúas inscricións dedicadas ao deus indíxena “Edovius”. No de Guitiriz, aínda que a súa relación directa co manancial non é clara, aparecen outros dous epígrafes, agora dedicados á deusa “Cohvetena”.  

Ben é certo que Guitiriz ofreceu ata o momento moi poucos datos de época romana e as inscricións tampouco apareceron xunto ás augas salutíferas. Unha provén dun lameiro situado non lonxe do Balneario mentres que a segunda foi atropada bastante máis lonxe, concretamente en Loio, no termo municipal de Portomarín. Na actualidade as augas de Guitiriz son frías, uns 15º C, se ben non sabemos se era tamén así na época romana ou en períodos anteriores. Sen embargo os especialistas non desbotan posibilidades de uso salutífero-termal no que podería existir un establecemento para beber a auga, non para bañarse, como ocorría en “Brocolitia” -o actual Carrawburgh no Reino Unido- ao carón do muro de Adriano. Alí existe un santuario dedicado ás augas con catorce inscricións dedicadas a Coventina-Cohvetena e miles de moedas que se utilizaron como ofrenda. No sur de Gallaecia e actual norte de Portugal, existe outro manancial sacralizado cun deus indíxena. Son as termas de Caldas de Vizela, non lonxe de Guimarães, de onde proceden dous altares dedicados ao deus “Bormanicus”. 

Pero Ourense non deixa de ser un caso especial no asunto de aras dedicadas a un deus indíxena, polo número de achados exhumados ata o momento. Nas Burgas foron recuperados, ata o momento, sete aras da etapa romana. Unha do século II d. C., a moi coñecida e dedicada ás romanas Ninfas das Burgas por Calpurnia Abana Aeboso. Pero as seis restantes, datadas entre mediados do século I e do II d. C., foron todas dedicadas ao deus indíxena Revve/Reve Anabaraego. Cinco foron exhumadas no decurso dun proxecto arqueolóxico recentes, no solar coñecido por Casa dos Fornos durante as escavacións promovidas polo Concello de Ourense e dirixidas por Celso Rodríguez Cao. Incluso puideran ser sete, se definitivamente se demostrase a procedendecia tamén das Burgas da ara coa inscrición “REVVEANA/BARAECO” un día depositada no Museo Diocesano de Astorga e hoxe  desaparecida. Naquelas aras, ademais do nome deste deus,conserváronse os de cinco devotos que se viron curados polo favor da deidade. Deste modo podemos coñecer, como escribía noutras ocasións, a persoas daquela época tan distante cos nomes de Quintio, un antigo escravo e despois liberto,  Severus Luperci, Titus Flavius Flavinus. Incluso algún con onomástica de orixe e grega, como Memmius Evaristus e Caius Faberus Hiametus, todos habitantes ou peregrinos da cidade cando esta estaba nacendo.

Como vimos, as Burgas están a xogar un importante papel na romanización do noroeste hispánico, mostrando un edificio romano para culto dun deus indíxena cando a nosa cidade estaba a nacer.

Te puede interesar