Opinión

“El error de una escalera”

Escalinata do século XX na Praza de San Martiño.
photo_camera Escalinata do século XX na Praza de San Martiño.

O luns 11 de abril, a sección “Historia en 4 Tiempos” de La Región recollía unha efeméride de hai 50 anos: “La Corporación da luz verde a la Plaza de San Martín”. A mesma noticia aclara que “Dada la diferencia de altura existente entre la balconada actual de la fachada de la Catedral y la rasante de la calle de las Tiendas, se ha proyectado una gran escalinata de acceso”.

O 12 de maio de 2006, na mesma sección, publicábase outra interesante efeméride con 25 anos de antigüidade e que levaba por título “El error de una escalera”. Lembraba unha entrevista que o xornalista Segundo Alvarado Feijóo-Montenegro lle facía en 1981 a José Manuel Pita Andrade sobre a súa Tese de Doutoramento “La construcción de la Catedral de Orense”, publicada en 1954. O motivo foi a inauguración da escalinata da Praza de San Martiño, fronte á fachada occidental da Catedral. O asunto é que nos inicios da década de 1980 culminaba, se ben parcialmente, o proxecto do arquitecto de Pons Sorolla para dotar de acceso e presencia á fachada principal da sé ourensá. A grandes trazas, Pita Andrade louvaba a obra que o arquitecto fixera para recuperar a catedral, pero cunha reserva: a construción da escalinata. Dicía “...pues considero que se ha cometido un error importante, que es el haber hecho esa escalinata de acceso a la Catedral”. Para o especialista, a causa era que “La catedral de Orense era la única de España que conservaba una estructura que había tenido la Catedral de Santiago y que debía conservarse. Era conseguir las fachada principal no como acceso, sino como balcón. Cosa de mucha gente no sabe”. Reflexionaba sobre este asunto afirmando que inicialmente na Catedral de Santiago o Pórtico da Gloria carecía de portas e formaba un espazo aberto, concebíndose a fachada principal como un balcón sobre o exterior, e que os accesos tiñan lugar pola chamada Catedral Vella, é dicir, a través das portas do seu cruceiro. Concluía que “La de Orense nos ofreció siempre unas versiones de lo que podría ser la Catedral de Santiago, eso se conservaba intacto. Ahora se ha deshecho”. Efectivamente, a de Ourense conservaba a zona do Pórtico do Paraíso en balcón cara á rúa das Tendas, a “rua Tendis” do medievo, con referencias documentais polo menos dende o ano 1295. E os accesos, que aínda hoxe se utilizan maioritariamente, se facían polas portas sur e norte do cruceiro. Respectivamente, as da Praza do Trigo, e a da rúa de Lepanto, a medieval “rua Operis” ou rúa da Obra, seguramente o noso particular Obradoiro, que en Ourense pareceu adoitar a forma dunha rúa e non dunha praza. Deparen ademais, que as dúas portas, a onde chegan os dous camiños principais que entraban na cidade, conflúen simbólicamente no altar maior da catedral, mentres que a fachada principal non conducía a ningún sitio, ata que se demoleron algunhas edificacións e se alterou o rueiro e o parcelario histórico para crear a Praza de San Martiño.

Que difícil é acertar cando non se introduce a reflexión antes de intervir no patrimonio! Máis aínda cando copiamos monumentos doutras cidades, creando espazos historicamente inexistentes. Se algo caracteriza ao patrimonio cultural fronte á globalización, é precisamente a súa singularidade.

Te puede interesar