Opinión

A forma da cidade antiga

O oito que xa observou Risco sobre o plano de Coello.
photo_camera O oito que xa observou Risco sobre o plano de Coello.

Cando comezaba a estudar a carreira de Xeografía e Historia era recorrente a teoría pola que, en comparación con outras cidades medievais, o plano de Ourense tiña tipoloxía irregular, sen máis. Parecía non adaptarse ós modelos que aparecían no manuais de urbanismo histórico, como o de A.E.J. Morris ou a outros estudos sobre o medievo europeo. 

Pero se observamos a forma dese Ourense antigo e combinamos a ollada coa evolución histórica do urbanismo, a pretendida irregularidade pode cobrar sentido. Miren a fotografía aérea. Serven as de Internet, o Google Maps. Limiten na pantalla á vista entre a rúa da Concordia e o xardín do Posío e entre as rúas de Santo Domingo, Hernán Cortés e Julio Prieto e a do Progreso. Ou mellor, busquen o plano de Fernando Coello, que retrata un Ourense da primeira metade do século XIX. Verán que os edificios agrupáronse formando dous circos ou elipses acaroadas, coa forma -dicía Vicente Risco- dunha especie de “oito” deitado estendido de sur a norte entre a igrexa da Trindade e a praza do Ferro. A vantaxe deste plano é que non existen os crecementos que produciu o desenvolvemento urbanístico dos inicios do século XX. Ademais, case representa a extensión e trama da cidade medieval, como propuxeron numerosos investigadores que non citamos agora. Nos dous circos dese o “oito”, observamos varios cousas que á primeira vista atraen a atención xa nunha primeira mirada. En primeiro lugar, a parte estreita ou cintura do “oito” defínea o maior accidente xeográfico da cidade antiga, o regato das Burgas co seu val, que antes de ser modificado pola edificación urbana, dividiu a cidade en dous sectores dos que herdamos notorias reminiscencias. En segundo lugar observamos a catedral de San Martiño, que ocupa o lugar central do circo norte, indicador do liderado na planificación urbanística que exerceu no medievo. No circo sur dáse unha situación inversa. O punto que tradicionalmente se considerou como orixe da cidade, As Burgas, ocupa unha situación case de arrabalde, no límite noroeste dese circo. Pero a zona central si concentra o cerne dos achados da cidade romana, que fundamentalmente se estendía dende o regato das Burgas, agás os solares da praza da Madalena e do Museo Arqueolóxico, ata o xardín do Posío. Deste modo, a cidade medieval que aínda intuímos no plano de Coello, no se superpón exactamente sobre a cidade romana, se non que se despraza lixeiramente cara o norte. 

Xa temos os dous círcos do “oito”. Faltan entón rúas como Santo Domingo, Julio Prieto, o tramo final da do Vilar, ou a de San Francisco, que sobresaen exaxeradamente deles. Son bos exemplos de rúas producidas polo desenvolvemento ao longo dos camiños dende ou cara a cidade. Tamén os crecementos tardomedievais que se apegan ao “oito”, como o barrio de Cimadevila -en torno a la actual Praza do Correxedor-, ou das zonas que a documentación sitúa “extramuros” entre a igrexa da Trindade e a praza de San Cosmede e Damián. 

Aínda quedarían os estiramentos da Idade Moderna, co asentamento dos conventos de Santo Domingo -solar da Delegación de Hacienda xunto coa igrexa de Santo Domingo-, e o dos Xesuítas, actual Seminario Conciliar e a igrexa de Santa Eufemia do Centro, crecementos que darán para contarlles outra historia urbana.

Te puede interesar