Opinión

Historias cuaternarias: Ucraína, o cereal e o “loess”

Aguerra de Ucraína reporta novas desastrosas. Primeiro, o máis importante, as cuantiosas perdas humanas. Trae ademais consecuencias de tipo político -a preocupación xeralizada porque se converta nun conflito mundial- e económico, coa carestía de recursos, a subida de prezos e, derivado do anterior, un latente malestar social. Outra consecuencia inmediata é a falla de alimentos, sobre todo os que proceden do cereal. Non en van Ucraína foi o celeiro de Rusia, case de Europa. Algúns artigos especializados en economía que lía estes días, aseguraban que o 65% do territorio ucraíno dedícase á agricultura, con capacidade para alimentar, nada menos, que a 600 millóns de persoas. Por que este potencial, que parcialmente comparten algúns dos seus países veciños?

O motivo é o tipo de solo que predomina naquel pais, terras que a ciencia denomina “loess”. Está formado por depósitos de po que foi acumulando o vento ao longo de miles de anos. Ten unha composición moi fina e ven cargada de nutrientes, polo que é idónea para a agricultura do cereal, formando solos de labor moi profundos e fértiles, característicos das grandes chairas centroeuropeas. Formáronse durante o período coñecido como Cuaternario, no que aínda estamos e comezou hai uns dous millóns de anos. Algúns investigadores tamén lle chaman Antropoceno, por ser a etapa na que se orixina a nosa especie. A grandes trazas, o Cuaternario caracterízase por un clima máis ou menos como o actual, pero interrompido por glaciacións, principalmente catro, fases moi frías e rigorosas para o ser humano. Entre elas sitúanse as Interglaciares, quizais como a que vivimos agora, aínda que moitos investigadores lle chaman Posglacial. Tamén Holoceno. Durante tales fases glaciares -a máis longa durou máis de un millón de anos e a máis curta, 80.000- as temperaturas eras moi baixas, condicións acompañadas por longas secas. As chuvias diminuían, en gran medida porque moita auga da que dispoñía o planeta estaba retida na forma de xeo, cuns casquetes polares bastante máis extensos que os actuais. A profundidade do xeo, que se ía acumulando ano tras ano, alcanzaba dimensións quilométricas. Esa retención de auga, provocada pola ruptura do ciclo de conxelación, fusión, evaporación e chuvia, criaba en Europa unhas paisaxes moi frías e áridas, ás que se engadía un enorme retroceso do nivel do mar. As actuais zonas costeiras non eran tal, se non fríos e grandes páramos que as veces unían o continente con territorios insulares, caso das Illas Británicas. Con tales condicións medioambientais, os ventos azoutaban o continente, removendo, desprazando e sedimentando enormes cantidades de po que se ían depositando milenio tras milenio ata formar esas terras que chamamos “loess”. Nos momentos interglaciares, amables e propicios para a flora e a fauna e, como non, para os humanos, recuperadas as chuvias, unha vexetación de tipo temperado colonizaba os territorios, permitindo ecosistemas favorables para unha vida heteroxénea, que á súa ves propiciaba outros solos totalmente distintos, os “lehm”.

Grandes extensións

O que agora queremos destacar, foi a formación das grandes extensións de terras loéssicas durante centos de miles de anos, en ambientes glaciares moi duros para os humanos, que polo menos dende un millón de anos atrás xa poboaban o continente europeo. Pero aqueles mesmos rigores permitiron crear uns solos moi favorables para os cultivos actuais.

Te puede interesar