Opinión

“Incubatio”, un vello ritual detectado nas Burgas

“Consistía la incubatio en acudir a acostarse al lugar donde se creía que la divinidad residía o donde era de más fácil acceso, con el fin de entrar en contacto con ella durante el sueño y recibir mediante un ensueño la curación o la prescripción terapéutica adecuada” 
(Mercedes López Salvá).

A oniromancia, é un antigo ritual que tiña por obxecto a auguración de feitos ocultos e/ou futuros e a curación dunha enfermidade por medio dos soños. Celebrábase en lugares sagrados, sobre todo en santuarios. Neles o sacerdote ou oficiante da cerimonia, provocaba o soño ao doente -que á vez era crente- para que, unha vez alcanzada a somnolencia, a divinidade lle revelase a causa do mal e o remedio para curalo. Este acto relixioso, coñecido como “incubatio”, foi practicado por moitas culturas históricas, detectándose nas primeiras civilizacións do Próximo Oriente. Na Antiga Grecia realizábase nos templos de Asclepio, divindade especialmente curandeira adorada tanto polos gregos como polos romanos, que lle deron o nome de Esculapio. A incubatio incluso se manifesta nos textos bíblicos. Sen dúbida recordarán pasaxes nas que Xehová revelaba os seus designios a patriarcas e reis a través dos soños.

Pero fagamos unha viaxe ao noso Ourense do século II d. C., cando a cidade como tal só tiña uns cen anos de vida. E nela, ás Burgas, ese lugar tan simbólico para nós. Aquí, sen que de momento saibamos o sitio exacto, transcorreu un episodio litúrxico coa recoñecida Calpurnia Abana Aeboso, nome que inmediatamente relacionamos coas fontes termais. Sabemos dela dende o ano 1802, cando aparecera un altar -unha ara- na horta da chamada “Casa da Tenencia”, hoxe inexistente e próxima ás ditas fontes. Afortunadamente o altar, custodiado no Museo Arqueolóxico, tiña unha inscrición, que vostedes xa coñecen e pon de manifesto a ofrenda que a muller dedicou ás Ninfas que habitaban as nosas surxencias sagradas. O texto gravado di  NYNPHEIS / CALPVRN/IA ABANA / AEBOSO / EX VISV / V S L, e tradúcese así: “Calpurnia Abana Aeboso cumpriu gustosa o seu voto ás Ninfas baixo a inspiración dun soño”. Non sabemos como sería o ritual no que participou a galaico-romana Calpurnia. Se as prácticas fosen semellantes ás que se celebraban na Antiga Grecia, concretamente nos ditos templos de Asclepio, deducimos que peregrinou dende a súa terra, quizás no val do Támega, ata un santuario aquí relacionado coas fontes termais. Sería recibida polos oficiantes para ofrecer un sacrificio aos deuses, no caso de Calpurnia, ás Ninfas das Burgas. Despois comezaría o ritual, no que poderían sucederse baños coas augas sacralizadas, uncións e outras prácticas relaxantes, o que facilitaría a tranquilidade e induciría o soño no que se ían manifestar as Ninfas para curarlle o mal que a aflixía. E así deu ser, porque agradeceu o favor das deusas coa dedicación do citado altar. Nos templos de Asclepio os pacientes durmían no “abaton”, unha estancia do santuario especificamente preparada para ese fin, detalle que descoñecemos nas Burgas.

Reparen como a arqueoloxía tamén proporciona documentos escritos, neste caso gravados na ara das Ninfas. Calpurnia houbera permanecido nun pasado anónimo se non fose rescatada polo achado do altar, unha peza arqueolóxica que, ademais, nos da información sobre a práctica de antigos rituais relixiosos no Ourense antigo.

Te puede interesar