Opinión

Lucus Augusti, a cidade máis antiga de Galicia

(Leonardo Benevolo).

 

As cidades indican o principio da Idade Antiga, poñendo fin á prehistoria. Nacen coa vocación de centros de servizos, núcleos de especialización que acollen industrias e manufacturas. Son, por antonomasia, núcleos que xestionan territorios. Galicia, como o resto do occidente europeo, e coa excepción das colonias fenicias e gregas, descoñece o xurdimento urbano ata que formou parte do imperio romano, pese as complexas estruturas edilicias que nos mostran os grandes castros ou citanias. A vella Gallaecia, que a grandes trazos comprendía os territorios entre a Meseta norte, o mar Cantábrico, o océano Atlántico e o río Duero, foi organizada por Roma en dúas circunscricións xurídicas, chamadas “conventus”. Para xestionar estas terras galaicas, os romanos, cunha civilización fundamentalmente urbana, fundaron dúas cidades: Lucus Augusti (Lugo), capital do convento lucense, e Brácara Augusta (Braga), capital do bracarense. Co paso do tempo, o emperador Diocleciano engadiu un novo territorio, o convento xurídico asturicense, con capital en Asturica Augusta (Astorga), convertendo ademais a nova Gallaecia en provincia romana.

Como consecuencia desta evolución administrativa, na Galicia actual a cidade máis antiga é Lugo, posto que Braga hoxe pertence a Portugal e Astorga a Castilla-León. Aínda que a maioría de vostedes xa o saben, naquelas alturas Ourense pertencía á Gallaecia Bracarense. Sen embargo, algunhas zonas orientais da nosa provincia, formaban parte da Gallaecia Asturicense, aproximadamente os territorios que hoxe forman parte da diocese de Astorga, o que demostra a importancia da historia na configuración actual do territorio. E volvendo sobre o tema inicial, cando se fundou Lugo? Para darlles unha idea, direilles que tanto Lugo como Braga e Astorga pertencen no noroeste hispánico ás cidades que denominamos “augustas”, nacidas baixo o mandato do emperador Augusto, pouco antes do inicio da era cristiana. No inicio carecía de murallas, o elemento máis afamado, que comezan a construírse na segunda metade do século III. Dende Lucus Agusti se administrab aquel “conventus lucensis”, cuxa extensión ía dende os ríos Verdugo e Sil, ata o mar Cantábrico e o rio Navia, na actual Asturias. Aí radica a razón principal do seu nacemento, despois de que toda Hispania fose conquistada. Ourense, xurde máis tarde. As escavacións arqueolóxicas, de momento a única fonte fiable para coñecer a idade e a extensión da cidade romana, sitúan o seu nacemento avanzado o século I d. C. Seguramente eclosionou por causa das reformas territoriais e administrativas que levaron a cabo os emperadores flavios, Vespasiano, Tito e Domiciano. Eles, ademais de conceder o Dereito Latino -o “Ius Latii”- aos habitantes do imperio, aquí construíron a calzada Vía XVIII entre Braga e Astorga, e potenciaron núcleos urbanos cono Aqua Flavia, Iria Flavia ou Brigantia Flavia.

Debemos agardar polos resultados que ofrecerán as futuras investigacións arqueolóxicas para coñecer mellor Ourense. Pero sen dúbida, Lugo é a cidade máis antiga da Galicia actual.

Te puede interesar