Opinión

O deus das Burgas

Sabemos da querenza dos romanos polas surxencias termais, ás que dedicaron numerosas ofrendas ás Ninfas, deidades moi relacionadas cos mananciais. Pero na Gallaecia de Augusto había catro desas fontes termais onde se lle rendeu culto a deuses indíxenas, como demostran os altares con inscricións que lles dedicaron os devotos. Xunto ao balneario de Caldas de Reis apareceron dous altares dedicados ao deus “Edovius”. En Guitiriz, aínda que a relación coas fontes aínda non está aclarada, aparecen outros dous altares, quizá tres, dedicados á deusa “Cohvetena” e á súa representación masculina “Cohve”. No territorio bracarense, ao que pertencía a nosa cidade, hai outras dúas fontes sagradas con cultos tamén indíxenas: San Miguel de Caldas, en Vizela -no norte de Portugal-, con dúas inscricións de época romana dedicadas a “Bormanicus” e, como non, As Burgas de Ourense onde, obviamente, pararemos máis. Na nosa cidade, polo momento, recuperáronse sete altares -aras- de época romana. Un deles, do século II d. C., é o que a afamada Calpurnia Abana Aeboso dedicou ás Ninfas das Burgas. Os seis restantes, datados entre mediados do século I e mediados do II d. C., dedicáronse todos a “Revve  Anabaraego”, escrito Reve nunha soa delas. Mesmo poden ser sete se aceptamos a razoable proposta de Juan Carlos Rivas, que relaciona coas Burgas outra dedicada ao mesmo deus que un día estivo gardada no Museo Diocesano de Astorga.

A existencia dun edificio-santuario construído polos romanos para este deus indíxena, seguramente indica que as cualidades das Burgas foron esenciais no momento de seleccionar o lugar para establecer a cidade, no centro do val de Ourense. Con toda probabilidade, a importancia dos mananciais non só se sustentaba nas propiedades hipertermais e saudables, senón tamén, e sobre todo en relación coa segunda característica, na súa sacralidade, como xa anunciara Florentino Cuevillas no ano 1934. As escavacións promovidas polo Concello de Ourense e dirixidas polo arqueólogo Celso Rodríguez Cao, proporcionaron a altísima probabilidade de que “Revve Anabaraego” fose un deus específico das Burgas, e tamén que estas fontes foran lugar de atracción xa na Idade do Ferro, incluso antes, aínda que tal suposición non a puideramos documentar nas ditas escavacións. No seu radio de acción inmediato, a menos de dúas horas de distancia, atópanse os principais castros do val de Ourense, pero a influencia territorial das fontes foi moito máis grande.

“Revve Anabaraego”, que aquí representa a existencia dun termalismo sacralizado, quizais foi o principal factor simbólico na estratexia para seleccionar o lugar onde se estableceu a nova civitas que deu orixe a Ourense e que, á espera de futuras escavacións, estenderíase entre a praza da Madalena, As Burgas e O Posío, ocupando unhas 9 has. O descubrimento de seis -sete?- inscricións xunto a Burga de Arriba, fan de Ourense a núcleo romano da Gallaecia co maior número de ofrendas dedicadas a deuses indíxenas nas fontes mineromedicinais.  É certo que para certificar a existencia dun culto -caso de Revve Anabaraego-, debería existir algunha representación do deus no lugar. Non é así. Pero que se descubriran seis altares, máis cando non se puido escavar aínda a zona do manancial, situado a menos de 15 m da intervención arqueolóxica realizada, evidencia unha concentración altamente significativa, moito maior que as das outras deidades tamén indíxenas da Gallaecia.

Te puede interesar