Opinión

Pura Lorenzana, unha muller nos inicios da Arqueoloxía galega

Galicia ten unha tradición arqueolóxica sustentada en dúas figuras que traballaron durante a primeira metade do século XX. Foron Federico Maciñeira, nacido en 1870 no Barqueiro, no lugués Concello de Mañón, e Florentino Cuevillas que, como saben, naceu en Ourense en 1886. Seguindo o seu maxisterio, sobre todo de Cuevillas e centrándonos nas primeiras décadas do pasado século, foron emerxendo outros nomes vinculados á arqueoloxía galega, que se desenvolvía amparada na intensa actividade de traballo de campo das escavacións e prospeccións. Por orde de nacemento, citamos a  Xosé Ramón Fernández-Oxea -”Ben-Cho-Sey”-, Fermín Bouza-Brey, os irmáns Xaquín -Xocas”- e Xurxo Lorenzo Fernández ou Luciano Fariña Couto. Ademais dos anteriores, tamén debemos citar a Manuel Fernández Costa, Xan Astorga Anta, que publicou o primeiro traballo sobre o castro de Oira con prólogo de Cuevillas, Antonio Iglesias Vilarelle ou Octavio Pintos Lois, aínda que nalgún deles as actividades arqueolóxicas non eran tan continuas. 

Pero deparen nun detalle. Todos os investigadores que cito para aquela etapa que cubre as tres primeiras décadas do século XX son varóns, como tamén o eran a maioría das titulacións universitarias que existían naquela altura. E era de esperar, tendo en conta que en 1936, tan só o dez por cento do alumnado da Universidade de Santiago era feminino. Pero a dificultade incrementábase debido a que para as mulleres era verdadeiramente difícil dedicarlle tempo e traballo a actividades non remuneradas, máis aínda cando as promovían as asociacións científicas, como era o caso do Seminario de Estudos Galegos -SEG-, institución creada no 1936 e disolta en 1936, coa que mantiñan vinculación, ben directa ben indirecta, a maior parte dos investigadores que citamos. De feito a participación feminina no SEG foi moi baixa, tan só doce socias activas dos aproximadamente catrocentos cos que contaba, como relata o investigador Alfonso Mato Domínguez.

Máis entre todos os nomes dedicados á arqueoloxía que antes referimos emerxe, aínda que sexa de forma ocasional, a figura de Pura Lorenzana -María Pura Lorenzana Prado-, nacida no municipio lugués do Saviñao en 1911. A súa publicación notoria foi “Mámoas do Saviñao. A anta de Abuíme e a necrópole do Monte da Morá”, do ano 1930 e publicada nos “Arquivos do Seminario de estudos Galegos” na Coruña, cuxa autoría compartía con Florentino Cuevillas e Antón Fraguas. Trataba sobre uns grupos de monumentos megalíticos dun territorio ata entón pouco estudado, dando conta dunha serie de mámoas preferentemente agrupadas en necrópoles polo cordal montañoso e mesetario que separa o baixo río Cave do Miño. Os investigadores utilizaron como cartografía de base a “Carta Geométrica de Galicia” de Domíngo Fontán, publicada en 1845, primeiro mapa en España realizado con bases topográficas referenciadas que combinaban a triangulación coa altimetría barométrica. Na publicación danse a coñecer as mámoas e necrópoles -“grupos” segundo a terminoloxía que utilizan- de Cruz dos Forcados, Abuime, Monte da A, a Anta de Licín e a Gándara de Pombeiro, cun total de vinte e sete que catalogan como certeiras, citando outras probables xa desaparecidas naquel momento. Proporcionan, ademais, a referencia doutro grupo no monte de Tor, onde non localizaron ningunha. Detallan as escavacións que efectuaron nos monumentos megalíticos de Monte da Morá. Tal actividade arqueolóxica serviralle a Pura Lorenzana para acceder coa categoría de socia activa ao SEG, dando conta dela a modo de traballo de ingreso o día 3 de maio de 1930.  

Pura tamén estivo vinculada con Ourense a través da súa actividade docente. Durante a guerra, período no que se posicionou do lado do réxime franquista, foi profesora de Xeografía e Historia no Centro de Instrución Provincial, actual Instituto Otero Pedrayo. Nesta cidade tamén exerceu diversos cargos para o novo réxime que estaba a construír o bando Nacional, chegando a desempeñar, entre outros, o papel de Depuradora das Bibliotecas Públicas, cuxa función era sancionar a funcionarios non adictos. 

Pura Lorenzana forma parte das primeiras remesas de intelectuais que se dedicaron á arqueoloxía, e nuns momentos moi difíciles para as mulleres, colectivo máis que minoritario excepcional nas actividades relacionadas coa investigación, caso da arqueoloxía, que naceron moi masculinizadas. Afortunadamente, a situación vai mudando. Na actualidade contamos, a ritmo crecente, con excelentes arqueólogas no mundo profesional, así como na docencia e na administración. 

Te puede interesar