Opinión

Tempos de eleccións... na antiga Roma

Volve ser tempo de eleccións máis, como acostumo, falareilles das que se celebraban nun pasado lonxano. Nas cidades romanas convocábanse as eleccións na primavera, para que o día 1 de xullo xa estivesen nomeados os cargos electos. Lembren que nunha urbe con categoría de  colonia ou municipio -que saibamos, non e o caso de Ourense-, o goberno o formaba unha asemblea chamada “ordo decuriorum”, un pequeno senado local. O constituía un centenar de decurións procedentes das familias máis poderosas da cidade. Pero a asemblea precisaba duns  representantes para executar as decisións que tomaba. E facíao con dous tipos de maxistrados que desempeñaban o cargo durante un ano despois de ser elixidos polos habitantes da cidade con dereito a voto.

Os candidatos a exercer estes cargos electivos debían reunir unha serie de condicións antes de ser aceptados como tal. Entre outras, estar inscrito no censo da cidade onde se presentaban, acreditar unha idade mínima, ou ter desenvolvido a carreira política -o “cursus honorum”- de forma correcta. Iso facíase nunha declaración expresa -a “professio”- ante un maxistrado, que en función da idoneidade declarábao apto, ou non, para ser aceptado como candidato. Ademais dos requisitos anteriores, un aspirante a “duunviro” ou a edil, debía ter un patrimonio económico propio e abundante, porque tiña que sufragar tanto a campaña electoral como o mandato, xa que non eran cargos remunerados. Ao anterior hai que engadir o financiamento de xogos e espectáculos públicos, sobre todo representacións teatrais e loitas de gladiadores. O nome “candidatus”, provén da toga cándida, cunha cor branca brillante, símbolo de honradez e pureza que distinguía aos aspirantes ás maxistraturas e, ademais, permitía identificalo como un político en campaña, a todos os efectos, tanto de dereitos como de credibilidade. A profesora María José Bravo Bosch di no traballo “La publicidad electoral en la Antigua Roma”, que os candidatos non debían facer propaganda electoral, xa que non habían mitins ao modo actual. Sen embargo, tiñan unha reputación propia da orixe familiar que os rodeaba dunha aureola de prestixio que sen dúbida podía facilitar o trunfo electoral. A obra “Commentariolum Petitionis”, atribuída a Quintio Tulio Cicerón -irmán de Marco, o Cicerón que vostedes coñecen-, se ben aínda se discute a autoría total ou parcial do escrito, é unha especie de manual de instrucións para o candidato e vai dirixido a Marco Tulio Cicerón. Recollemos un fragmento do texto traducido por Joaquín L. Gómez-Pantoja, documento facilmente localizable en Internet e cuxa lectura recomendamos porque, ademais de ilustrarnos sobre as eleccións na antiga Roma, non deixarán de causarnos perplexidade os consellos que Quintio Cicerón da a Marco para gañar votos, moitos deles cunha actualidade sorprendente . Seleccionamos un fragmento que ben pode actuar como aperitivo dos que se animen a ler este interesante e breve documento: “Finalmente, debes procurar que estas elecciones resulten un gran espectáculo popular, con la mayor brillantez, esplendor y despliegue de medios que estén a tu alcance y que, de ser posible, se hable de todo lo infamante, ilegal, deshonesto o corrupto que pueda haber en la personalidad y en las costumbre de tus oponentes. Todo el esfuerzo durante la campaña debe dirigirse a mostrar que eres la esperanza del Estado, pero evitando al máximo hablar de política, sea en el Senado o en los mítines: basándose en tu carrera política, los Senadores estarán convencidos que eres el adalid de sus privilegios y de su autoridad; tu vida pasada confirmará las esperanzas de los Caballeros Romanos y de la gente adinerada de en un futuro tranquilo y próspero; y el Pueblo, juzgando por el tono popular de tus intervenciones políticas y judiciales, debe creer que serás el mejor abogado de su causa”. 

Quintio recoméndalle ao seu irmán a utilización de políticas de xestos: deixarse ver polo Foro, que como ben saben, era o centro social e político da cidade, diariamente e á mesma hora, ou a “prensatio”, o apertón de mans. Tamén o informa sobre a importancia da popularidade. Entre outros consellos, suxírelle un trato aberto cos posibles votantes, ou o interese que reviste recoñecer a cada un polo seu propio nome e apelidos. Como ven, queridos lectores, “nihil novum sub sole”.

Te puede interesar