Opinión

CRUZ DE MONTEALEGRE

Opopular monte por antonomasia de tódolos ourensáns, Montealegre, será a partir de agora un punto máis de visita de tódolos cidadáns da vella Auria, trala inauguración do amplo e complexo parque botánico nel instalado, un dos máis grandes en extensión en superficie dos existentes no Noroeste peninsular, dedicado a sotobosque mediterráneo.


Centro de Interpretación, auditorio, zona para a celebración dos tradicionais magostos, unha saínte plataforma que permite unha vista panorámica da cidade e 75 prazas de aparcadoiro están a disposición de tódolos visitantes, todo elo presidido por unha cruz de pedra situada por riba dunha rocha de curiosa forma. Pero ¿qué se sabe da citada cruz e por qué razón se ergueu neste solitario lugar?


Dende tempos moi antigos figuraba no cumio de Montealegre, sobre unha grade rocha decorada con curiosas marcas, unha basta cruz de madeira. Se dicía que se puxera neste lugar para lembrar o asasinato dun arrieiro no seu camiño de retorno cara a Castela. Para outros foi como consecuencia dun crime pasional cometido neste silente lugar. Nembargantes, dentro da miña modesta opinión, o motivo foi a cristianización dun antigo lugar de culto pagán.


No ano 1892, a Comisión de Patrimonio y Monumentos desta cidade quixo substituír a vella e deteriorada cruz por outra que estivese máis acorde cos tempos. Despois de detidos estudios tomouse como modelo para o formato a cruz ornamental de Ruthwel, pertencente ao século XIV. Tras unha subscrición popular, unha vez feita a mesma e exposta cara o público nun céntrico escaparate dunha coñecida casa comercial, colocouse no seu lugar.


Pasado o tempo, un coñecido escritor católico arremeteu cas súas críticas alegando a presencia na mesma de certos signos gravados contrarios á relixión católica considerándoa, segundo o devandito autor, como un monumento masónico-naturista. Naturalmente, nese intre houbo opinións tanto en contra como a favor, publicándose informes de todo tipo. Ante o cariz do feito se adoptou a determinación de borralos. O final, un bo día a cruz apareceu esnaquizada sen que se chegase a coñecer, de modo certo, o autor ou autores de tan bárbaro feito.


A actual, en pedra lisa, se ergue sobre un pedestal de forma de tronco de pirámide. Nun lateral, o situado cara o Norte, figura a seguinte inscrición: 'Restaurada mayo de 1898'.

Te puede interesar