Opinión

ELEMENTO INSUSTITIBLE NA PAISAXE GALEGA

Acasa rural galega é un elemento insustituíble no hábitat da terra de Breogán. Tentar definir ou describir todos aqueles compoñentes singulares ou de ornato que existen ou, mellor diríamos, existiron noutro tempo na morada dos nosos campesiños non resulta doado, tendo en conta a utilidade evidentemente práctica e austera da vida desenrolada na propia vivenda; eso si, perfectamente adaptada ás necesidades reais en cada caso ó que se suma o carácter evidentemente práctico en relación co seu emprego como lugar de desenvolvemento das actividades cotiás; esto é, o desenrolo das angueiras propias tanto de orde agrícola como gandeira.


O emprego obrigado de materiais autóctonos aportados pola propia natureza, unido á preservación e tradición na técnica construtiva condiciona a confección das mesmas, especialmente naquelas consideradas como construcións auxiliares, ca conseguinte repetición reiterativa duns modelos utilizados no pasado. Sen embargo, nestas construcións, aínda amosando unha grande carencia de recursos materiais e de técnicas construtivas axeitadas, acúsase un notable coidado na execución en todos aqueles elementos considerados como de ornato que existen na mesma.


A vila de Vilanova dos Infantes é un cativo burgo medieval situado ó sueste da provincia de Ourense, a dous quilómetros de Celanova e 24 da capital das Burgas, a traveso da estrada autonómica 540. Nel, aínda na actualidade se poden ollar algunhas destas construcións populares, mesturadas con casonas señoriais que lembran a súa antiga fidalguía mediante os fachendosos escudos nobiliarios situados nas fachadas.


A casa-vivenda típica e tradicional de Vilanova se compón xeralmente de dous andares: o baixo o ocupaba a corte, e o primeiro se dedica propiamente á vivenda familiar. O acceso efectúase polo exterior mediante unha escaleira de pedra, sen varanda, que, partindo a ras do chan, mediante o emprego de chanzos, cadrados ou rectangulares, salva o desnivel existente entre ambas alturas, ata acadar o patamal situado diante da porta de acceso.


O corredor é unha parte moi importante da vivenda, sendo o elemento, conxuntamente ca cheminea, que mellor reflicte o acomodo dos propietarios da casa.

Te puede interesar