Opinión

ELEMENTO SINGULAR, PASARELA DE OUTARIZ

O río Miño percorre a nosa Galicia ó longo de máis de 350 quilómetros, cubrindo unha ampla cunca duns 12.482 quilómetros cadrados e dando vida e conformado diferentes, fermosos e variados paisaxes. Pola súa lonxitude e por ser o río máis caudaloso que percorre a nosa comunidade, en ocasións supera os catrocentos mil litros por segundo na súa desembocadura, popularmente se denomina como o pai Miño.


O Concello de Ourense, con apoio de fondos provenientes dos programas Feder, da Unión Europea, acometeu entre os anos 2003 e 2004 a recuperación integral de todas aquelas zonas máis degradadas existentes en ambas marxes do río, sobre todo na zona ocupada na actualidade polas termas da Chavasqueira, Tinteiro, acea da Veiga, Outariz e Reza.


A pasarela peonil de Outariz, tendida sobre o Miño nas proximidade do límite entre os concellos de Ourense e Barbadás, na marxe esquerda, permite enlazar ambas ribeiras mailos seus paseos á carón do río ó longo duns quince quilómetros, ademais de facer accesible a zona termal de Outariz ca estrada autonómica OU- 402.


A estructura da nova ponte metálica sostense mediante unha sólida base central, deseñada en forma de 'Y' solidamente ancorada sobre o propio leito do río. Dela parten cadanseu arco atirantado metálico, duns 90 metros de luz, suxeitadores dun estreito taboleiro inferior do que se colga o tramo de paso formado por lousas de formigón instaladas sobre costelas metálicas que proporcionan unha grande rixidez, dunha lonxitude total duns 200 metros e un ancho variable entre un mínimo de 3,75 e 4 metros, toda ela protexida por sendas varandas metálicas enreixadas duns 1,10 metros de altura. Dende a pasarela pódese ollar as pozas coñecidas como burgas de Outariz ou de Canedo, ademais do propio balneario. É así mesmo interesante destacar o correcto sistema de alumeado mediante focos de alta intensidade luminescente que permiten un doado e seguro paso de peóns, ademais de resaltar este novo medio de enlace de ambas ribeiras do vello Miño.


Cunha inversión global de case cinco millóns de euros, foi financiada nun 30% polo Concello de Ourense, e o resto, o 70%, pola Confederación Hidrográfica del Norte de España, actual Confederación Hidrográfica Miño-Sil, mediante a aportación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) pertencente a Unión Europea.

Te puede interesar