Opinión

EXCELENTE MOSTRA DA ARQUITECTURA CIVIL GALEGA

As pontes sobre o Miño están fortemente vinculadas ca propia historia da cidade; así, a denominada como Ponte Nova naceu do desexo de unión da incipiente pero crecente industria comercial existente no barrio da Ponte, no comezo do século XX, ca capital das Burgas. A construcción da Ponte Nova, en clara oposición á existente coñecida como 'Vella', supuxo unha evidente mellora no crecente tráfico entre ambas marxes do río Miño, ademais de constituír todo un símbolo de progreso e expansión de Ourense.


Inspira o seu estilo nas belas pontes de ferro de París, sobre o Sena, respondendo a unhas formas claramente modernistas e constituíndo un exemplar único na historia da enxeñería española de principios do pasado século. Destaca especialmente polos seus altos valores estilísticos que, co tempo, lle permitiron acadar a categoría de BIC, baixo a denominación de monumento histórico de Galicia, pola resolución do 11 de febreiro do ano 1991 (DOG, 7 de xuño do 1991)


A obra iniciou a súa andaina o 13 de marzo do ano 1911, baixo o mandato do enxeñeiro de camiños Martín Díaz de la Banda. El foi quen dirixiu as obras ata o mes de outubro do ano 1916, sendo substituído polo seu homólogo Miguel Fernández García, que deu remate a obra, sendo inaugurada o día 31 de maio do ano 1918.


Dos tramos en pedra situados en ambos marxes do río, sustentados por grosos piares ergueitos sobre tallamares arredondados, sosteñen o vano central metálico en ferro. A ambos lados, comezando polo marxe esquerdo, dispón de tres arcos en cantería, de medio punto e 12 metros de luz, ademais doutro en forma de carpanel, de cinco centros e 25 metros de luz, actualmente atravesado pola N-120. No curso do río se atopa o tramo metálico central. O arco é de tipo Eiffel, de máis de 500 toneladas, construído nos talleres Zorroza, en Bilbao, con directriz claramente parabólica, triangulado na súa clave, con apoios de chapa reblonada e bóveda formada por catro nervios complementados de arcos elementais, dunha luz de 75 metros. Constitúe a parte máis salientable desta magna construcción. No outro marxe sómente dous arcos de cantería completan a obra. O taboleiro de circulación se apoia sobre un enramado formado por vigas e soportes que transmiten as cargas sobre os arcos. A lonxitude total do mesmo é de 242 metros, cun ancho de 12, repartido entre tres carrís máis sendas beiraestradas. A ornamentación é a apropiada para este tipo de obra, destacando de xeito notable a decoración e pedra existentes nos tímpanos das pilastras, consistente en sendos escudos representativos de Obras Públicas. O custo total da obra supuxo para as arcas do estrado un desembolso de 88 millóns das antigas pesetas (Alvarado. Arquivo de La Región, ano 1989).

Te puede interesar