Opinión

HORTA DO CONCELLO

T al vez a parte do Ourense antigo que máis cambiou a súa fisionomía ó longo dos séculos foi o recinto denominado, no século XIII, como praza do Campo, actual solar compartido entre a Horta do Concello maila praza do Bispo Cesáreo.


Antigos documentos datados no ano 1393 confirman a súa existencia, extramuros da nosa futura urbe, dun campo de labor, recreo e pasto do gando; así un deles o cita textualmente como a 'Horta do Concello, ten unha extensión de 14 ferrados con algúns gruñeiros'. No século XV se describe como: 'Campo plantado de árbores abundantes, fora da muralla, ante unha das portas, onde se celebraba asembleas veciñais chamadas ó son de campá tanxida'. Tamén neste recinto tiña lugar o trato comercial e mercantil dos xudeus, debido á proximidade das súas vivendas ó recinto.


A importancia deste lugar quedou patente cando o Concello de Ourense mailo bispo Francisco Blanco (1556-1565), entre os anos 1561-1562, iniciaron a construción dun novo hospital no solar que, na actualidade de xeito aproximado, ocupa o edificio de Correos mailo campo de xogo da chave.


Pouco a pouco se foi ampliando a superficie do solar mediante o amontoamento de diversos entullos provenientes de todo tipo de obras, desmontes e varreduras efectuadas na cidade. Co trazado da estrada a Castela, no transcurso do ano 1854, o solar se dividiu en dúas metades adquirindo o tramo situado o poñente, con lixeiras variacións, o seu actual estado.


A Alameda do Concello foi un dos lugares de concorrencia e paseo preferido dos ourensáns sendo á súa vez muda testemuña de importantes acontecementos e celebracións, tanto de carácter festivo, como militar, relixioso ou político.


De principios do século XX é a balaustrada en pedra e ferro fundido decorada con ánforas; do mesmo xeito tamén o son as columnas que sosteñen os tres farois eléctricos situados no acceso ó paseo central, obras deseñadas polo coñecido arquitecto ourensán, Daniel Vázquez Gulías e realizadas na fundición de Malingre. É así mesmo moi destacable certos elementos identificadores existentes neste singular recinto: a pérgola situada a carón da fonte ornamental, a mesma fonte saída da maxina do enxeñeiro catalán Carlos Buígas autor, entre outras, da fonte monumental de Montjuic, en Barcelona; a primeira turbina hidráulica que subministrou, no ano 1902, enerxía eléctrica á poboación de Ourense; o monumento en pedra de Trasalba adicado ó prehistoriador Florentino López Cuevillas; a escultura da Muller Espida, de Luís Borrajo; o campo de xogo da chave, e, por último, un dos símbolos máis identificadores do propio parque: o esbelto palco da música.

Te puede interesar