Opinión

MELLOR COMUNICACIÓN CO POLVORÍN

Aúltima ponte trazada sobre o canle do Barbaña une a rúa Manuel Murguía co veciño barrio do Polvorín. A súa finalidade construtiva xurdiu como a fórmula máis idónea para alixeirar o tráfico de vehículos que soporta diariamente a cercana ponte de Marcelo Macías, como punto de saída da cidade cara a Celanova maila fronteira con Portugal.


Ca súa posta en total funcionamento no seu día, servirá para fortalecer o desenrolo urbanístico desta zona, de xeito concreto ó grupo de vivendas a construír na barriada do Polvorín. Desta circunstancia brota a necesidade desta nova ponte, cifrando aproximadamente o seu valor económico en algo máis de 1,7 millóns de euros, asumidos integramente pola empresa construtora (Promotora, Promociones, Construcciones y Obras Betan S.L.) ó que, con posterioridade, se suman outros gastos de expropiación dos accesos, máis o financiamento e redacción do proxecto de execución, acadando o orzamento a cantidade total final de 2.413.549,06 euros.


O recto taboleiro, considerado de tipoloxía mixta, no que se combina o formigón mailo aceiro, presenta unha lonxitude total de 53,6 metros, sostido por dous vanos de 17 e 36,6 metros, sendo o maior deles o que salva tanto o canle como o camiño peonil que descorre paralelo co río. O ancho total do mesmo é de 19,56 metros, repartidos entre a calzada de 12, con catro carrís circulatorios en ambos sentidos, de tres metros cada un, máis sendas beirarrúas de 3,78 metros, protexidas por petrís metálicos, mailas correspondentes varandas.


Os piares de sustentación son de sección rectangular maciza, con dimensións variables en altura. No súa unión co taboleiro, as medidas acadan os 4,4 e 1,14 metros, axustándose a anchura das pilas ás da táboa inferior de sostemento do propio taboleiro.


La iluminación viaria, tan necesaria neste tipo de obra, corre a cargo de luminarias de aliaxe lixeira, de aluminio, contendo lámpadas de vapor de sodio a baixa presión, sustentadas por columnas a unha altura de 10 e 5 metros respectivamente.


Na estrutura da ponte, estratexicamente situados para darlle maior resalte a obra, se atopan instalados proxectores con lámpadas de sodio. Igualmente se empregan equipos eléctricos de dobre nivel de consumo, obténdose deste xeito un evidente aforro no consumo enerxético das instalacións.

Te puede interesar