Opinión

Parque do Pino, oeste

O concepto de espazo verde, parque ou xardín entendido como base para o disfrute dos cidadáns que viven nas poboacións nace nos finais do século XVIII durante a coñecida como Revolución Industrial; nembargantes, será no século XX e comezos do actual cando se produce o auxe destes lugares públicos debido fundamentalmente á concentración masiva de parte da poboación nas zonas urbanas.

O populoso barrio do Pino atópase moi preto da Estación de Autobuses, a ambos lados do trazado da estrada estatal N-120. No espazo baleiro deixado polo cruzamento da rúa Eulogio Gómez Franqueira maila estrada cara a Vigo, próximo ó túnel de acceso á rúa Río Arnoia, nos finais do ano 1980 creouse ca colaboración do Concello de Ourense e a antiga Obras Públicas, pertencente ó Estado, un novo espazo verde dedicado á distracción mailo lecer. 

Logo de ceder o terreo sobrante das expropiacións realizadas polo Plan de Accesos a Galicia, encargóuselle ó Servizo Municipal de Parques e Xardíns, a actual Área de Medio Ambiente do Concello de Ourense, ó estudio e redacción dun proxecto básico de axardinamento desta zona no que se configurase, de conformidade ca veciñanza, un xardín cunha praza central da que partirían dúas escaleiras laterais que circundarían unha grande fonte luminosa de tres pías con escalos ou fervenzas situadas estas a diferentes niveis, que sería o elemento construtivo e ornamental máis destacado da futura fonte, tendo como plano de fondo vexetal varios exemplares de porte maxestoso, dotadas dun tronco moi recto que pode acadar grandes alturas, coníferas, da familia das perennifolias: cedro do Atlas e Himalaia, repartíndose o resto do recinto entre unha zona de tapiz vexetal e outra, máis cativa, dedicada ó xogo de nenos.

O proxecto establecía o cinguido do recinto de lecer cunhas xardineiras dotadas de bancos en pedra situados paralelos a carón do talude ferroviario, dende os que se puidese admirar as fermosas fervenzas da fonte que, conxuntamente cos restantes elementos constituíntes do novo parque, crearían ese ambiente de gran viveza artística, ademais de constituír todo un referente de frescor durante a época estival. 

Sen dúbida foi unha excelente obra froito da vontade de dous organismos públicos desexosos ambos da creación dun espazo verde, sen utilidade práctica, para gozo e desfrute de toda a veciñanza desta populosa zona que, pouco máis ou menos actualmente se mantén con poucas modificacións ó longo do tempo, podéndose contemplar na actualidade moi degradado e abandonado sobre todo con respecto ó funcionamento e propia conservación da fonte así como os seus arredores. E definitiva, unha verdadeira pena que esperemos ca nova corporación poña axiña xusto remedio.

Te puede interesar