Opinión

Parque do Pino, zona este

Os xardíns, espazos verdes ou recintos especialmente dedicados o esparexemento mailo lecer están a constituír cada vez máis un elemento singular e integrador do home ca propia natureza que nos rodea. Atopámonos na actualidade nunha situación de coñecer cada día máis o espazo no que nos desenvolvemos, vivimos e morremos, ben a traveso do estudo da paisaxe, mediante o desfrute dos xardíns, espazos verdes ou, máis recentemente, completados co coñecemento e máis a visita de todos aqueles recintos considerados ou catalogados como espazos botánicos, o que nos permitirá estimular o desexo de saber cada día máis sobre o espazo natural sobre o que descorre a nosa vida cotiá.

En relación co urbanismo actual, as consideradas como “zonas verdes” están cada día máis a crecer, desprazando, de xeito un tanto anárquico, ao xardín tradicional que todos coñecemos e aínda diría máis, en moitos casos, pese a cumprir iguais funcións, son deseñados unicamente baixo o prisma da especulación urbanística, deixando de lado ou afastándose da obrigada integración destes recintos co entorno tanto natural como cultural. Outros, con bo criterio, substituíron antano espazos ocupados por determinadas vivendas de titularidade relacionada con empresas xestoras de servizos públicos, como o acontecido cas antigas edificacións pertencentes a Renfe situadas ao longo da rúa Euloxio Gómez Franqueira, asentadas no marxe esquerdo da estrada cara a Vigo. 

Nunha superficie aproximada de 6.500 metros cadrados, cinguida polas rúas Euloxio Gómez Franqueira maila propia estrada cara a Vigo, atopase este novo espazo verde comunicado ca Estación de Autobuses mediante unha pasarela exclusivamente peonil, tendida sobre a estrada N-120. Unha cancha deportiva pechada, unha Estación de Verificación da Calidade do Aire, un parque infantil, ademais do propio edificio do Centro Cívico da Ponte, dependente da Concellería de Benestar Social do Concello de Ourense, sen esquecer un estacionamento público, a carón dun centro comercial, repártense este novo espazo verde. 

Diversas especies arbóreas pertencentes ás formas biolóxicas do perennifolio se atopan presentes dento do recinto. Así, existen varios exemplares do alfaneiro chinés, alcipreste común, maila palmeira de abano. A dos caducifolios conta con representantes do pradairo platonoide e mais a malva real, todos eles asentados e repartidos entre os diversos parterres que decoran a totalidade do espazo.

Te puede interesar