Opinión

Parque praza 1.000

A praza defínese como un espazo libre de diferente tamaño, case sempre de longo variable en proporción á súa lonxitude, situada dentro dunha poboación nun recinto pechado por casas situada xeralmente na confluencia de varias rúas. O parque defínese como un terreo cercado con variedade de árbores e plantas destinado fundamentalmente como lugar de recreo. En moitos casos ambos termos: praza e parque, coinciden.

O parque ou praza 1.000 atópase no barrio do Vinteún, de xeito concreto no interior do bloque formado por diversas vivendas situadas en paralelo ca rúa que da nome ao barrio así como á rúa do Instituto. Parque de recente creación, ten forma xeométrica rectangular cunha extensión aproximada duns 3.200 metros cadrados, que se reparte entre tres espazos axardinados comunicados con escaleiras.

Iniciaremos o percorrido do mesmo partindo da parte máis baixa, formada por un cativo espazo verde que da paso a un modesto parque infantil pechado que contén os diversos elementos de xogo tan característicos destes lugares de lecer, frecuentados polos máis cativos. Continúa o ascenso á zona central cun chan parcialmente cementado de forma xeométrica circular, decorado cun fermoso salgueiro chorón. O recinto complementase ca presenza do característico mobiliario urbano: bancos, fonte, etc. De seguido, unha escaleira central da acceso ao último tramo compartido entre un parque infantil pechado mediante unha cerca de madeira, contendo os elementos imprescindibles de xogo e entretemento considerados como clásicos, máis o último espazo propiamente verde, no que destaca a presenza de diversos exemplares de cipreses mesturados con outras diversas especies destramente distribuídos e combinados con pedras brancas que certa harmonía ao conxunto.

En definitiva, un novo recinto verde que ven sumarse aos existentes na cidade; un discreto pulmón vexetal así como un punto de relax e esparexemento, totalmente aproveitado tanto polos veciños da zona como polos alumnos do cercano instituto como punto de encontro, lugar de xuntanza ou espazo de lecer.

Te puede interesar